Ir o contido principal

O Young Minds Leadership Meeting fará de Compostela a capital da mocidade investigadora no eido da Física

Imaxe de arquivo do interior da Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do interior da Facultade de Física. FOTO: Santi Alvite
O foro desenvólvese os días 4, 5 e 6 de xuño e contará con participantes de máis de 20 países e 30 universidades de Europa e norte de África
Santiago de Compostela

Santiago de Compostela converterase no epicentro da mocidade investigadora europea no eido da física coa celebración da 13th Young Minds Leadership Meeting, os días 4, 5 e 6 de xuño. Este encontro, promovido pola European Physical Society (EPS), ten como organizadores locais á sección Young Minds, ao chápter de OPTICA e a asociación estudantil Luzada, todos eles da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, tamén conta co firme apoio da Facultade de Física e os tres grandes centros da USC que realizan investigación neste eido, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto de Materiais (IMATUS). 

Dende que botou a andar, esta é a segunda vez que o encontro anual de Young Minds se realiza en España, sendo Barcelona a primeira cidade que acolleu dito evento hai xa dez anos. O programa Young Minds é unha iniciativa da EPS para promover a conexión da física coa sociedade a través da divulgación e o desenvolvemento profesional do futuro persoal investigador en física por medio da financiación de actividades dirixidas a mellorar a formación e as conexións internacionais. Así, nesta edición do encontro participarán estudantes de grao, mestrado e doutoramento de máis de 20 países e 30 universidades de Europa e norte de África. 

A recepción de apertura terá lugar o día 4, ás 19.30 horas, no claustro do Colexio de Fonseca e contará coa actuación das pandereteiras de Cantigas e Agarimos, encargadas de achegar a tradición oral e musical galegas ás persoas asistentes. O resto do programa desenvolveranse os días 5 e 6 de xuño entre a Facultade de Física da USC e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), e combinará relatorios científicos, obradoiros formativos, sesións de networking e actividades culturais. O acto inaugural das sesións terá lugar o día 5, ás 09.15 horas.  

Programa

Entre as intervencións programadas durante o encontro, destaca a charla inaugural sobre cosmoloxía que dará a presidenta da European Physical Society, Mairi Sakellaeiadou, profesora do King’s College London ou a charla sobre liderado científico que impartirá Paulo J. Ferreira, profesor das Universidades de Lisboa e Texas, e Group Leader no International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL), entre outros cargos, experto no estudo mediante microscopía electrónica de materiais para almacenamento enerxético e 2D. Ademais, as persoas asistentes tamén poderán acceder a parte da investigación punteira que se fai na USC a través das charlas do profesor Victor Pardo, experto en ciencia de materiais ou Meijian Li, investigadora posdoutoral cunha ampla experiencia internacional, que recalou na USC para estudar a evolución do universo nos seus primeiros intres de existencia. 

Outra das dimensións fundamentais do 13th EPS Young Minds Leadership Meeting é a conexión da academia coa sociedade e industria. Así, desenvolverase unha sesión chamada PhD to CEO, realizada en colaboración con OPTICA (a Sociedade Americana de Óptica) onde dous doutores emprendedores, Bárbara Buades, fundadora de MeetOptics e vencellada ao Institut de Ciències Fotòniques (ICFO), e Pablo Cabanelas, cofundador de Neutron Insights e vencellado á USC, contarán as súas experiencias na transición da academia á industria e responderán as cuestións do público sobre este tema. Noutra sesión, liderada por Eva Cernadas, especialista do CiTIUS no eido da Intelixencia Artificial (IA), explicará como os nesgos de xénero presentes na sociedade acaban trasladándose a estas tecnoloxías e que se pode facer para acadar algoritmos máis inclusivos. 

Saúde mental 

O foro tamén se deterá na reflexión arredor da saúde mental. Existen numerosos estudos que amosan que a incidencia de depresión e ansiedade é significativamente máis alta nas persoas que deciden dedicar o seu futuro profesional á academia. Por iso, neste 13th Leadership Meeting tampouco falta un obradoiro sobre saúde mental coordinado pola investigadora Ana López Durán e impartido por María Ramos, Lois Míllara e Jorge Manuel Vacas, todos eles do Grupo de Avaliación e tratamento das adiccións, os trastornos do estado de ánimo, ansiedade e psicoloxía da saúde. En dito obradoiro, as persoas asistentes aprenderán de maneira interactiva distintas técnicas para xestionar o estrés no día a día das súas investigacións.

En canto á divulgación, haberá dúas sesións de pósters nas que cada participante presentará a súa mellor actividade Young Minds do ano para intercambiar experiencias e ideas. Estas sesións de pósters exercen unha grande influencia na programación anual das accións que despois as Seccións Young Minds realizarán nos seus países de orixe e institucións. Ademais, o póster coa mellor actividade recibirá un premio outorgado pola revista internacional de física European Physics Letters, publicada en nome da EPS por EDP Sciences, IOP Publishing e a Società Italiana di Fisica.

Finalmente, na noite entre o 5 e o 6 de xuño, na procura da creación de vínculos internacionais profundos e duradeiros entre as persoas participantes, haberá unha cea oficial no claustro do Mosteiro de San Martiño Pinario, seguido dun concerto na Sala Sónar protagonizado pola banda local Ginko Biloba, formada maioritariamente por estudantes de Física de grao, mestrado e doutaramento, así como persoal investigador postdoutoral. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2025.