Mayor Zaragoza clausurará o luns 17 de xuño o IX Curso de Primavera da USC na Facultade de Humanidades
O ex dirixente da Unesco Federico Mayor Zaragoza ofrecerá o luns, día 17 de xuño, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, o relatorio de clausura do IX Curso de Primavera da USC ‘A crise de occidente, unha visión multidisciplinar’, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Educación, cultura de paz e dereitos humanos no século XXI’.
O relatorio de Mayor Zaragoza, que ademais dos organizadores, tamén foi convidado a participar como relator neste seminario polo Seminario Permanente de Educación para a Paz e pola Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, servirá de peche da novena edición dos Cursos de Primavera da USC, un programa formativo e divulgativo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que, neste caso estivo coordinado por una comisión encabezada polo catedrático de Antropoloxía Social da USC, Xaquín Rodríguez Campos. A figura e o nome deste ex dirixente da Unesco completa deste xeito a nómina dos vinte relatores que tiveron participación no IX Curso de Primavera da USC, un foro aberto o pasado 8 de maio cun relatorio sobre a xeopolítica das crises, a cargo do director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, e no que tamén interviñeron numerosos profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, así como o profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade Autónoma de Madrid, Carlos Taibo.