Mayor Zaragoza demanda invención política e propugna máis cooperación que competitividade para saír da crise
O ex director xeral da Unesco Federico Mayor Zaragoza demanda máis invención política e propugna máis cooperación e menos competitividade para saír da crise na que se atopa sumida Occidente, a cuxos dirixentes recomenda estar máis preocupados da felicidade interior das persoas que non Produto Interior Bruto ou da prima de risco, xa que tales indicadores non reflicten en absoluto o grao de benestar.
Mayor Zaragoza fixo estas reflexións no relatorio de clausura do IX Curso de Primavera da USC ‘ A crise de Occidente, unha visión multidisciplinar’, unha intervención que se desenvolveu baixo o título ‘Educación, cultura de paz e dereitos humanos no século XXI’ e durante a que fixo unha ardua defensa a prol da educación. “A educación consiste en ser libre e responsable”, sintetizou Mayor Zaragoza, para logo lembrar que esta sinxela definición recollida na Carta das Nacións Unidas, pouco ou nada ten que ver cos datos dos informes Pisa. O director xeral da Unesco entre 1987 e 1999 lembrou manifestou a súa preocupación pola actual situación de crise que afecta ao mundo occidental, pero lonxe do pesimismo, Mayor Zaragoza sostén que “o mundo, cuxa crise se localiza en Occidente, está hoxe mellor que noutros tempos pasados, logo de ter superados xa importantes conflitos”. Neste senso, o relator subliñou “a emancipación de América Latina ou o alegre espertar de África”. A aínda moi elevada mortalidade infantil, “de nenos e nenas de 1 a 5 anos, que non dos cigotos como tratan de buscar outros”, merece tamén duras críticas por parte de Mayor Zaragoza, para quen resulta inaceptable negar a dispoñibilidade de recursos financeiros para loitar contra esta problemática cando se están a gastar 4.000 millóns de dólares a diario en armas. Mayor Zaragoza mesturou unha visión retrospectiva da realidade cunha ollada prospectiva caracterizada polo optimismo no relatorio de clausura do IX Curso de Primavera da USC, unha intervención seguida por preto dun centenar de persoas no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e os coordinadores deste IX Curso de Primavera da USC, Xaquín Rodríguez Campos e Beatriz Fernández Herrero, participaron tamén na clausura deste seminario universitario, na que tamén tomou a palabra o presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, quen se referiu a Federico Mayor Zaragoza como “un mensaxeiro da cultura e da paz”.