Ir o contido principal

Mayor Zaragoza imparte na USC unha charla sobre ‘a transición da forza á palabra’

A actividade, organizada polo Seminario Galego de Educación para a Paz, será o venres 9 ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación

O presidente da Fundación para una Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, impartirá este venres 9 a conferencia ‘Da forza á palabra, a transición histórica que se aveciña’ ás 12.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación. A súa visita enmárcase nas actividades organizadas polo Seminario Galego de Educación a Paz e previamente, Mayor Zaragoza, acompañado polo presidente desta organización, Manuel Dios, será recibido polo reitor Juan Casares. Mayor Zaragoza explicará na súa intervención a transición que para a humanidade supón apartar a forza en favor do uso da palabra e falará dos logros conseguidos nos últimos anos así como os cambios, consecuencia desta actitude, que se aveciñan. O autor tamén intercambiará ideas e percepcións cos asistentes sobre a necesidade de educar para conseguir unha sociedade que se desenvolva nunha cultura da Paz. Doutor honoris causa da USC Federico Mayor Zaragoza (Barcelona 1934) desenvolveu tanto carreira académica en varias universidades españolas como carreira política, con postos vinculados sempre á educación. Foi deputado europeo, director da UNESCO e Ministro de Educación e Ciencia ata que en 2000 creou a Fundación para una Cultura de Paz, que actualmente preside e que ten por obxectivo impulsar unha cultura de paz e tolerancia a través da celebración de cursos, reunións de traballo e talleres que potencien estes valores como parte fundamental da educación. Mayor Zaragoza participa en numerosas actividades de cooperación nacional e internacional e é autor de cuantiosas publicacións científicas e de poesía. Visitou a USC en varias ocasións para impartir charlas, conferencias, e participar en seminarios e xornadas. É doutor honoris causa pola Universidade de Santiago dende 1993 a petición da Facultade de Medicina.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.05.2014.