Acto de graduación da sétima promoción do máster universitario en Enxeñaría Ambiental
A sétima promoción do Máster universitario en Enxeñaría Ambiental celebrará este venres 5 a súa graduación nun acto protocolario presidido polo reitor Juan Casares no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) a partir das 17.00 horas. Na sesión tamén participará o director de Operacións de Aquagest Galicia, José Antonio del Rey, que presentará o convenio de patrocinio deste Máster asinado entre a USC e a empresa AGBAR-AQUAGEST. Este acordo reforza a xa longa cooperación existente entre a universidade compostelá e a empresa tanto no eido académico, científico e tecnolóxico. O programa desta graduación principiará coa intervención de Santiago Gómez en representación do alumnado, para dar paso ao profesor Gumersindo Feijoo Costa, padriño da promoción, e ao coordinador do máster e subdirector da Escola, Francisco Omil Prieto. Logo da presentación que realizará José A. del Rey en relación co convenio de patrocinio procederase á entrega de bolsas Aquagest ao alumnado de primeiro curso e de diplomas ao alumnado que remata os estudos do máster. Convenio O convenio entre a USC e AGBAR-AQUAGEST supón un apoio económico que permite garantir a continuidade no tempo de actividades formativas de carácter transversal tales coma visitas de campo, participación de relatores procedentes do mundo da empresa ou realización de prácticas en empresas do grupo AGBAR-AQUAGEST. O acordo tamén supón o establecemento dunha axuda económica ao alumnado a través dun programa de bolsas para os estudantes de primeiro curso e dun programa de compromiso coa excelencia a través do premio ao mellor Traballo Fin de Máster, entre outras iniciativas.