Estudan na USC como avanzar no desenvolvemento dunha robótica ao servizo do cidadán
Organizado polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, este luns e o martes 4 está a ter lugar en Santiago o XIII Workshop en Axentes Físicos. O congreso reúne grupos de investigación que traballan en diferentes áreas da robótica e/ou a súa aplicación á industria. Nesta edición preténdese promover e facilitar o avance no desenvolvemento dunha robótica ao servizo do cidadán, “cada vez máis necesaria nunha sociedade cun envellecemento notorio da poboación e na que os núcleos urbanos non cesan de crecer tanto en tamaño como en densidade”, explican dende a organización. Para iso durante o congreso preséntanse sistemas físicos e aplicacións robóticas destinadas a apoiar tarefas de rehabilitación, tratamento de pacientes con Alzheimer e asistencia a persoas maiores. Cabe destacar a participación de Yiannis Demiris, do Imperial College de Londres, que falará da adaptación mutua entre robots e humanos aplicada a cadeiras robotizadas ou titores de baile robóticos para nenos hospitalizados. Outro aspecto a abordar no encontro é a interacción robot-humano. En concreto, presentaranse unha cabeza mecatrónica realista con alta capacidade xestual, sistemas automatizados para o recoñecemento do estado de humor das persoas e a reprodución de expresións faciais e un sistema de atención que poda proporcionar aos robots a suficiente información como para iniciar unha conversa con humanos. Tamén no congreso trataranse novas estratexias que permitan lograr robots capaces de aprender a partir das súas propias experiencias ou incluso novas formas de desenvolver software de control para robots, “algo necesario se realmente queremos chegar a ver robots capaces de operar en contornas domésticas ou en centros de traballo automatizando tarefas comúns e colaborando con nós”, explica o investigador da USC Félix Díaz, un dos organizadores. Neste aspecto destaca a presenza de Jan Peters, da Technische Universitaet Darmstadt (Alemaña). O evento desenvólvese entre a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e o novo laboratorio de robótica do CITIUS, que proporciona un escenario excelente para a realización de demostracións nas que varias das universidades participantes mostrarán algúns dos seus recentes avances. A industria Dado que un dos aspectos que trata de cubrir o congreso é a aplicación da robótica na industria haberá unha sesión especialmente dedicada a poñer en contacto investigadores e emprendedores. No marco desta sesión importantes empresas españolas presentarán as súas principais liñas de traballo e exporán os retos que se lles formulan.