Skip to main content

A revista Semata dedica o seu último número á trama dos imperios

A presentación celebrouse na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia
A presentación celebrouse na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia

A revista Semata achégase no seu novo número, o que fai o número 23 da colección, ao tema ‘Imperios: luz y tinieblas’, nunha edición que recaeu en Ramón Máis, Pedro López Barja e José Mª Portillo. O novo número presentouse en público este mércores 23 nun acto na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Na presentación interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Juan Blanco; a directora da revista, Mª Carmen Saavedra; e os coordinadores da edición, os profesores Pedro López Barja e Ramón Máiz. Cunha proposta de análise arredor da trama dos imperios ao longo da historia, a revista reúne a historiadores, xeógrafos e politólogos que achegarán esforzos dende unha perspectiva comparativa e multidisciplinaria. O resultado son dezanove artigos vertebrados en seis bloques temáticos. O primeiros dos bloques temáticos aos que se lle presta atención é o relativo a problemas de definición e clasificación do tema abordado, para continuar cunha segunda sección dedicada a consideración historiográficas. O relato continúa cunha serie de tres artigos arredor das elites imperiais, ata chegar á decadencia e declive del imperio español. A diversidade de linguaxes e outras cuestións actuais son os dous bloques temáticos cos que se completa o índice. Semata Semata é unha revista interdisciplinar, de periodicidade anual, que publica traballos orixinais de investigación sobre calquera das especialidades relativas ao campo das Ciencias Sociais e das Humanidades. Os números da revista teñen un carácter monográfico e rotatorio entre as áreas de Xeografía, Historia e Historia da Arte. Cada traballo é lido polo coordinador/a científico/a do número, contando co asesoramento dun grupo de censores doutras universidades de recoñecido prestixio no tema en cuestión, os cales deben emitir informes confidenciais.

The contents of this page were updated on 11.23.2011.