Skip to main content

Unha tese propón tecnoloxías de recuperación de información máis efectivas

Deféndese este venres na ETSE

‘Improving Search Effectiveness in Sentence Retrieval and Novelty Detection’ é o título da tese de doutoramento que este venres 20 defenderá o doutorando Ronald Teijeira Fernández baixo a dirección de David E. Losada, investigador adscrito ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS). No acto de defensa e mantemento que se vai celebrar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago farase unha análise de como a utilización de técnicas de recuperación de oracións e detección de novidade poden beneficiar diversas tarefas relacionadas coa recuperación de información. Entre os usos potenciais destas tecnoloxías atópanse aspectos tan importantes na procura web como a creación dos snippets (pequenos resumos das follas web presentados polos motores de busca nas súas páxinas de resultados). As técnicas de recuperación de oracións oriéntanse cara a recuperación específica daquelas oracións que son de potencial interese para o usuario. Por outra parte, as técnicas de recuperación de novidade pretenden presentar aos usuarios só aquela información realmente nova, eliminando a información redundante. O autor do traballo fai distintas propostas de modelos e técnicas capaces de mellorar a efectividade con respecto a modelos estado de arte. Teijeira argumenta que as súas propostas teñen utilidade tanto para a mellora dos sistemas de recuperación web xeralistas, coma para o desenvolvemento de aplicacións específicas orientadas a outros dominios. Pola súa banda, o director da tese, David Losada, explica que “no CITIUS, ademais de traballar en sistemas de eliminación da redundancia da información, abordamos tamén o desenvolvemento de aplicacións específicas de minería de opinións na web, eido no que xa temos un prototipo para o Camiño de Santiago, aplicacións para a procura de noticias, sistemas de detección de plaxio na web ou sistemas de localización de patentes para a vixilancia tecnolóxica, entre outros”. Entre os expertos que xulgarán esta tese doutoral, que opta á Mención Europea, atópanse científicos procedentes de empresas punteiras na procura web (Google Zurich) e universidades de referencia en recuperación de información como a Universidade de Glasgow.

The contents of this page were updated on 05.18.2011.