Skip to main content

Expertos de toda España reflexionan na USC sobre os procesos de avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais

As xornadas celébranse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría
As xornadas celébranse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría

As xornadas CRAI, dedicadas a difundir o concepto de Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación, comezaron a súa programación este xoves 16 en Santiago de Compostela para analizar os procesos de avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais. Esta é unha iniciativa que por cuarto ano consecutivo organizan dúas sectoriais da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) e a de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CRUE/TIC). A inauguración oficial das xornadas celebrouse nun acto que presidiu o reitor da USC, Juan Casares, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. O programa para o venres 17 arrancará ás 10.00 horas cunha sesión dedicada a boas prácticas no ámbito da avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais. Nela, Luis Fernández, da Universidade de Alcalá presentará a experiencia coa acreditación ECDL, mentres que o delegado para a Sociedade da Información da Universidade Autónoma de Barcelona, Remo Suppi, referirase á experiencia da institución catalá con especial atención ás competencias en TIC para alumnos ‘non TIC’. Completando esta mesa de debate, Joan Trench e Carme Canto, da Universidade Pompeu Fabra, mostrarán a súa experiencia coa acreditación ACTIC, seguidos de Carmen Julia Hernández, Elena Escar, Carmen Varela Prado e María Esteban das universidades de La Laguna, Zaragoza, Santiago e Alacante que presentarán o relatorio ‘Traballando xuntos: cara un modelo común de avaliación da formación en competencias informacionais’. Unha mesa redonda cos participantes nas comunicacións precederá á presentación, ás 13:30 horas, de conclusións do encontro e ao acto de clausura que presidirá a vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante. CI2 En países como Estados Unidos ou Australia, a integración destas competencias nos planos de estudos está establecida na política nacional de educación e en Europa son múltiples os países que incorporan estas competencias nos planos docentes: Francia, Gran Bretaña ou Finlandia, entre outros. No caso concreto de España xa existen exemplos de integración, polo que o tema central do encontro será precisamente cómo acreditalas e avalialas. Destacados expertos en cuestións de avaliación, así como representantes de distintas axencias acreditadoras son os encargados de impartir as distintas sesións do encontro no que tamén terán cabida a presentación de boas prácticas neste eido. As xornadas diríxense a toda a comunidade universitaria aínda que de maneira especial a aquelas persoas que se dedican á planificación e ordenación dos estudos, aos responsables académicos e técnicos dos servizos universitarios, aos profesionais que traballan nos servizos informáticos e de biblioteca, así como a todas as persoas que desenvolven o seu labor no ámbito dos servizos de apoio á aprendizaxe, a docencia e a investigación. Toda a información de interese sobre o evento está dispoñible na páxina web http://www.usc.es/es/congresos/crai ademais das canles de twitter @CRAI2011 e Facebook http://www.facebook.com/JornadasCRAI2011 onde se actualizarán as últimas novidades e se engadirá todo tipo de información de utilidade.

The contents of this page were updated on 06.16.2011.