Xornada de presentación aos investigadores do proxecto do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información
O estado actual do proxecto do Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías da Información da USC (Citius) presentarase este xoves 14 aos investigadores vinculados coas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nunha xornada a partir das 13:00 horas na Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría en Santiago e por videoconferencia na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Lugo.
Incluído na rede de centros singulares de investigación de Campus Vida, no encontro darase conta ademais das futuras actuacións previstas para o desenvolvemento do proxecto do Citius. Neste senso, está prevista a constitución dunha Comisión Científica Asesora Externa e a elaboración dun formulario a través do que o persoal investigador poida expresar o seu interese en formar parte do centro.