Trócanse horas de estudo por euros para proxectos solidarios en Haití
A Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora un ano máis coa Fundación Coopera e con Cooperación Internacional na Olimpíada Solidaria de Estudo pola que dende comezos de novembro e ata o 5 de decembro se permutarán horas de estudo en bibliotecas universitarias por euros. O diñeiro recadado –a razón de 1 euro por 1 hora de estudo- destinarase á rehabilitación de catro escolas en Haití e apoio físico e psicolóxico para a reinserción social e escolar de 4.832 nenos e nenas. O mecanismo para facer o cómputo final de horas lévase a cabo mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que será preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entra e cando sae da sala de estudo. Non se computarán períodos superiores ás catro horas consecutivas nin menores a unha hora. En Santiago habilitáronse salas de estudo nas Facultades de Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Matemáticas, Física, Ciencias Económicas, Bioloxía, Farmacia, Medicina e Odontoloxía e Psicoloxía, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo haberá aulas na Biblioteca Intercentros e na Escola de Formación do Profesorado. Na edición desenvolvida no pasado curso académico a USC foi a segunda entidade do Estado que máis cartos recadou, un total de 15.272 euros.