Skip to main content

A USC, de novo á cabeza das Universidades que máis horas recadaron na VII Olimpíada Solidaria de Estudo

A de Santiago de Compostela foi a segunda universidade que máis horas recadou na VII Olimpíada Solidaria de Estudo entre o total de participantes neste proxecto solidario que na última edición se desenvolveu en catorce países de todo o mundo. A de Navarra conseguiu 15.940 horas, a USC 15.272 (a metade de toda Galicia) e nun terceiro lugar colócase a Universidade de Vigo con 8.022.
A iniciativa, que transcorreu entre novembro e decembro de 2009, consiste en incentivar o estudo vinculando as súas horas de esforzo á colaboración con proxectos de desenvolvemento, trocando horas por diñeiro. Neste caso, o acadado destinarase á creación e equipamento técnico da escola secundaria Saint-Michel para os estudos de Enfermaría en Ruyigi (Burundi); á ampliación e financiamento da sede do Proxecto Jurujuba en Niteroi (Río de Janeiro, Brasil); e a un proxecto de apoio escolar e familiar a nenos e nenas, adolescentes e mulleres en Angola.
Para esta iniciativa, que na USC coordina o seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, colaborouse un ano máis coa Fundación Coopera e Cooperación Internacional. Tanto en Santiago como en Lugo habilitáronse varias salas de estudo nas 13 bibliotecas subscritas á iniciativa. En Compostela os universitarios participaron nas facultades de Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Matemáticas, Física e Ciencias Económicas; na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo fíxose na Biblioteca Intercentros e na Escola de Formación do Profesorado.
Galicia destacaNesta sétima olimpíada habilitáronse un total de 431 salas de estudo, nas que participaron 34.986 estudantes que reuniron 312.729 horas de estudo. En canto a horas totais, de novo Galicia encabeza a clasificación -con 32.015,5- seguida de cerca por Navarra con 28.516,5 e Madrid con 26.249,5.

The contents of this page were updated on 05.03.2010.