Skip to main content

A ETSE acolle por vez primeira en Galicia as XVI Xornadas de Ensinanza Universitaria da Informática

Do 7 ao 9 de xullo desenvólvense na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC as XVI Xornadas de Ensinanza Universitaria da Informática (JENUI2010), que reúne a máis de cen docentes universitarios das titulacións de enxeñaría informática. As xornadas coinciden co final do curso 2009-2010 do que sairán da USC a primeira promoción de graduados e graduadas en Enxeñaría Informática de España, ao ser a USC das primeiras Universidades do estado en adaptar este título ao Espazo Europeo de Educación Superior. A inauguración do encontro, que se prolongará ata o venres, estará presidida este mércores 7 polo reitor da USC, Juan Casares Long, ás 9:30 horas no Salón de Actos da ETSE. A conferencia convidada que abrirá as xornadas, titulada ‘Perspectiva do capítulo español de ACM SIGCSE sobre o informe FoCES’ e ditada polo profesor da Universidade de Cádiz Juan Manuel Dodero, presidente do comité directivo do Capítulo Español do ACM Special Interest Group on Computer Science Education e membro fundador da Sociedade Iberoamericana para o Avance da Tecnoloxía Educativa, analizará problemas actuais da educación en informática como o descenso do número de alumnos matriculados, a harmonización coas necesidades da industria e os novos aspectos pedagóxicos. JENUI2010 As JENUI naceron en 1994 como foro de intercambio de ideas co obxecto de promover o contacto e o intercambio de coñecementos e experiencias entre profesores universitarios de informática e grupos de investigación, debater sobre o contido dos programas e os métodos pedagóxicos empregados, e presentar temas e enfoques innovadores que permitan mellorar a docencia da informática nas Universidades. As charlas Para a presente edición recibíronse un total de 138 propostas de comunicación, o que supón un incremento do 30% respecto á anterior. Delas, tras un rigoroso proceso de avaliación levado a cabo por 106 revisores de 28 Universidades, foron seleccionadas 70 para a súa presentación. As comunicacións e charlas destas décimo sextas xornadas tratan da docencia das diferentes materias de informática presentes en estudos universitarios -por exemplo programación, bases de datos, seguridade, fundamentos teóricos, arquitectura de computadores ou sistemas operativos- ou de aspectos máis xerais do proceso de ensinanza-aprendizaxe na Universidade como a avaliación do alumnado, a calidade e avaliación da docencia, o desenvolvemento de competencias profesionais ou a innovación pedagóxica. A mesa redonda que pecha as xornadas o venres, ás 11:00 horas, leva por título ‘¿Medimos a calidade docente?’ e, moderada pola profesora Rosana Satorre, tratará sobre a definición do que caracteriza a docencia de calidade e sobre os procedementos para medila dunha maneira obxectiva e xusta. Participarán o catedrático da Universidade de Granada e colaborador externo da ANECA, José Luis Verdegay; e o catedrático de escola da Universidade de Alacante, vicerreitor de Tecnoloxía e innovación educativa e membro da Comisión Executiva Sectorial TIC da CRUE, Faraón Lloréns. As xornadas están organizadas pola propia ETSE, a USC e a Asociación de Enseñantes Universitarios de Informática (AENUI) co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e Coremain.

The contents of this page were updated on 07.06.2010.