Skip to main content

O X Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC premia a unha empresa de servizos avanzados de bio monitorización para a vixilancia e control do medio

De esquerda a dereita Francisco González, Ana Isabel Rey -de Biovía-, Juan Casares, Beatriz Mato e Francisco R. Durán
De esquerda a dereita Francisco González, Ana Isabel Rey -de Biovía-, Juan Casares, Beatriz Mato e Francisco R. Durán
En total entregáronse seis premios nas modalidades de Base Tecnolóxica, Empresa Xove, Proxectos con Sensibilidade Social, Proxecto Medioambiental e Muller Emprendedora

Biovía é o nome do proxecto que acaba de adxudicarse o primeiro premio do X Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. Trátase dunha empresa de servizos avanzados de I+D+i dedicada ao deseño e comercialización de novas ferramentas ambientais baseadas na bio monitorización para a vixilancia e control do medio, xa sexa atmosférico, fluvial ou mariño. Unha das súas primeiras ferramentas de traballo será a Marca de Garantía 'Calidade Aire Limpo’, outorgada pola Oficina de Patentes e Marcas. Os seus promotores, os doutores en Bioloxía Alejo Carballeira, Jesús Aboal, José A. Fernández e Ana Isabel Rey, recibiron o premio de mans do reitor compostelán Juan Casares. No mesmo acto interviñeron ademais a conselleira de Traballo, Beatriz Mato; os vicerreitores de Investigación e de Estudantes e Formación continua, Francisco González e Francisco Ramón Durán, respectivamente; o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos. O segundo premio da convocatoria recaeu no proxecto Moonbite, da que son promotores os profesores Julián Flores e José M. Cotos, o enxeñeiro Superior Industrial, Francisco Casal, e Carlos Fernández Fernández, graduado en Ciencias Económicas e Empresariais. Moonbite engloba a posta en marcha de varias liñas de desenvolvemento multiplataforma (para diferentes consolas e teléfonos móbiles) orientadas ao deseño de xogos que implementen técnicas de intelixencia emocional, de xeito que os entornos virtuais presentados xeran certa empatía entre a consola e o xogador, explicaron os seus promotores Moonbite traballará nas fases de deseño, produción e comercialización de produtos e servizos tecnolóxicos innovadadores para o mercado internacional de ocio tecnolóxico engadindo tamén o mercado da telefonía móbil de última xeración e o audiovisual, así como a produción de videoxogos para as últimas vídeo consolas do mercado internacional. Este proxecto xorde tras dous anos de traballo cooperativo entre Continental Producciones, Estudios Alia e Paralaxe, spin-off do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC. Premio Muller Emprendedora Como en anteriores ocasións, o concurso contempla premios específicos ás categorías Empresa Xove, Proxecto con Sensibilidade Social, Proxecto Medioambiental e Muller Emprendedora. Nesta última categoría, o premio recaeu este ano en 'Galebook', plataforma de distribución e promoción de libros dixitais en galego, promoción da lingua e a cultura galegas a través das TIC e a lectura. A súa finalidade é converterse nun socio estratéxico das editoriais galegas e, xa a longo prazo, doutras de alcance nacional e internacional, a través dunha plataforma tecnolóxica que sexa punto de encontro da oferta de libros electrónicos galegos, facilitando a conversión dos libros en formato tradicional ao dixital. Galebook apostará pola creación e distribución de libro galego en formato dixital así como ofrecer novas formas de comercialización como a impresión baixo demanda ou unha plataforma de autoedición. Ofrecerá ademais un servizo de tradución e dixitalización dos textos ás editoriais. O equipo que promove este proxecto confórmano María J. Prol, licenciada en Filoloxía Románica pola Universidade da Coruña; e as licenciadas en Filoloxía Iglesa pola institución coruñesa, Estela Mosqueira e Pilar López Esperante e o licenciado Felipe García. Proxecto medioambiental Ofrecer un servizo de tratamento das fosas sépticas para a produción de abono e de biogás nas diferentes aldeas de Galicia é a finalidade proposta polo proxecto Tratamento de Residuos das Aldeas e Coxeración de Enerxía, merecedor do galardón na modalidade Medioambiental. A empresa ofrecerá aos habitantes das aldeas galegas os servizos de xestión, asesoramento e instalación dun sistema integral de tratamento de fosas para a produción de biogás e electricidade. A proposta está promovida por un equipo que integran Pablo Álvarez Fariña, doutor en Bioloxía Mariña e Acuicultura da USC, María José Otero, licenciada en Bioloxía pola USC e Edgar Romero Lema, enxeñeiro de Montes. Sensibilidade Social A achega que se fixo co galardón na modalidade 'Sensibilidade Social’ desta convocatoria foi iCarto, unha empresa de enxeñaría cartográfica especializada no uso de Sistemas de Información Xeográfica SIX para a análise de infraestruturas territoriais, a xestión de datos xeoespaciais, a cooperación ao desenvolvemento e á creación de solución informáticas baseadas en software libre. Promoven esta iniciativa técnicos saídos do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da Universidade da Coruña en colaboración con profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Coruña. O equipo está conformado por Juan Ignacio Varela, Jorge Ocampo, Gonzalo Martínez Crespo, Daniel Díaz Grandío, Adrián Eirís, Carmen Molejón e Pablo José Sangiao. Empresa Xove O proxecto Conpas.net foi o gañador do premio Empresa Xove, cunha proposta para achegar ás pequenas e medianas empresas métodos de negocio, aplicacións informáticas e innovación tecnolóxica ata o de agora so dispoñible para as grandes multinacionais. Para conseguilo, os promotores propoñen a utilización de Software como Servizo (SAAS), un modelo de distribución onde a compañía de tecnoloxías da información e das comunicación provee o servizo de mantenemento, operación diaria e soporte do software usado polo cliente. En teoría, calquera usuario da empresa poderá, a través dunha clave, conectarse e empregar todas as aplicacións da súa empresa dende calquera lugar no que se atope. Esta proposta está promovida por Óscar Pasaró, Licencia en Física pola USC. Empresas Innovadoras O obxectivo deste concurso é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, licenciados ou investigadores, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. Así, a convocatoria estaba aberta tanto a estudantes e titulados de calquera das tres universidades galegas como do centros asociados da UNED en Galicia con independencia da área de coñecemento que individualmente ou en equipo teñan un proxecto empresarial innovador con potencialidade para converterse nunha empresa. Tamén podían concorrer doutores, doutorandos, persoal de investigación e alumnos de terceiro ciclo que traballen en calquera centro de investigación galego, así como empresas xa constituídas ao longo do ano 2009 por promotores co perfil descrito.

A convocatoria contempla un primeiro premio de 7.000 euros e ata outros 24.000 de préstamos participativo a cargo de Unirisco Galicia SRC e 4.000 euros para o segundo proxecto. Ademais cada unha das outras catro categorías contempladas recibirán 2.000 euros cadansúa.

The contents of this page were updated on 07.20.2010.