Skip to main content

A USC fai público o primeiro informe da convocatoria experimental do programa Docentia

O programa ten por obxecto valorar a calidade da actividade docente do profesorado

A Universidade de Santiago, a través da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, fixo público o primeiro informe institucional correspondente á primeira convocatoria experimental do programa ‘Docentia’. Este programa ten por obxecto valorar a calidade da actividade docente do profesorado para favorecer o seu labor e recoñecemento. O informe, correspondente aos cursos 2005-2006 e 2006-20007, pódese consultar no enlace http://www.usc.es/gl/goberno/vrcaplan/docentia. A primeira convocatoria experimental púxose en marcha na USC en dous centros piloto, a Escola de Formación do Profesorado de Lugo e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, un de cada un dos campus da universidade compostelá. Do total de profesores citados completaron o proceso 26 docentes das áreas de Ensinanzas Técnicas, Ciencias Experimentais, Humanidades e Ciencias Xurídicas e Sociais. Como resultado deste proceso, un 73% dos profesores participantes obtiveron unha avaliación excelente e a porcentaxe restante resultou positiva, non rexistrándose avaliacións negativas. Os datos foron valorados de xeito positivo pola USC, tanto dende a perspectiva do funcionamento administrativo do proceso de avaliación coma dende a perspectiva dos resultados da avaliación dos participantes. Á vista das conclusións obtidas, a institución compostelá decidiu realizar unha segunda convocatoria experimental do programa ‘Docentia ’. A Escola Politécnica Superior e a Facultade de Veterinaria, no campus de Lugo; e as Facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Xeografía e Historia, de Santiago, serán os centros que participen nesta segunda convocatoria. O período a avaliar será o dos cursos 2007-2008 e 2008-2009 e porase en marcha ao longo do actual período académico.

The contents of this page were updated on 12.22.2010.