Skip to main content

O Grao en Relacións Laborais contempla a preparación específica no ámbito dos Recursos Humanos

O Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos que a Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo comezará a ofertar a partir do curso 2009-2010 contará cun elevado número de materias relacionadas cos recursos humanos e a xestión de persoas. Destaca ademais o seu marcado carácter multidisciplinar, cun amplo abano de coñecementos que converxen no mundo do traballo. Así, o plan de estudos inclúe o estudo de distintas ramas do Dereito, de Economía, de Socioloxía, de Psicoloxía ou de Organización de Empresas.
Con este título de Grao, presentado en rolda de prensa pola directora do centro, Mercedes Montes Rodríguez, e o presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Alfredo Mosteirín Castañer, preténdese que, tras a superación do programa, o graduado, como experto en materias sociolaborais, adquira as competencias necesarias para exercer axeitadamente a profesión de Graduado Social, intervir no deseño e posta en práctica da estratexia e as políticas de recursos humanos en todo tipo de organizacións e asesorar, prestar apoio e emitir ditames no ámbito sociolaboral.
O próximo ano académico a escola implantará os dous primeiros cursos da titulación así como os cursos ponte previstos para os diplomados en Relacións Laborais e os Graduados Sociais que desexen alcanzar o nivel de Grao. En total, o estudante deberá realizar 240 créditos distribuídos en catro cursos académicos de 60 cada un, un deles enmarcado na rama do coñecemento das Ciencias Sociais e Xurídicas. Por isto, nos primeiros anos da titulación fortalecerase a formación complementaria das diferentes traxectorias previas, en Técnicas de Investigación Social ás Ciencias Sociais e economía, para os que proveñan da rama de Humanidades; e de Historia Política e Social Contemporánea para os procedentes de Ciencias.
Prácticas externasCoa implantación do título de Grao adquire unha maior importancia a realización de prácticas externas, que se poderán validar por 12 créditos optativos.
A Escola Universitaria de Relaciones Laborais de Lugo conta cunha ampla experiencia na oferta de prácticas externas aos seus alumnos a través de numerosos convenios de colaboración con empresas e institucións da provincia.

The contents of this page were updated on 07.16.2009.