Skip to main content

Unhas xornadas sobre o Maio do 68 francés analizan desde este martes a influencia do movemento en Galicia

Do 17 ao 30 de novembro, con exposición de carteis, proxección de filmes e conferencias

Unha exposición de carteis sobre o maio do 68 francés preséntase desde este luns 17 na Facultade de Humanidades de Lugo, que se poderá ver no centro ata o 30 de novembro. Así mesmo, ao longo destes días, varios expertos darán conferencias sobre como se viviu e como influíu este movemento en Galicia. Despois dos relatorios, que comezarán ás 16:30 horas, ofrecerase o visionado dun filme en versión orixinal subtitulada, ás 18:30 horas.
A primeira das conferencias será o martes 18 de novembro, ‘As mobilizacións do 68 en Compostela’, da man de Ricardo Gurriarán Rodríguez, do IES Xelmírez e membro do Grupo de Investigación Histagra. A continuación, poderase ver o filme La Chinoise, de Godard.
O mércores 19, Iván García Ambruñeiras, do Cineclube de Compostela, dará unha conferencia titulada ‘Do malestar á nostalxia: as vidas cinematográficas de Maio do 68’. Despois, proxectarase o filme Grand soirs et petits matins, de William Klein.
O xoves 20, María Xesús Nogueira Pereira, do departamento de Filoloxía Galega da USC, pechará o ciclo de conferencias con relatorio ‘O horizonte da liberdade. A revolución do 68 na literatura galega’. A continuación, o filme Les amants réguliers, de Philippe Garrel.As proxeccións que se poderán ver durante estas xornadas seguen unha orde secuencial e cronolóxica de acontecementos. A metraxe de Godard é anterior ó 68, pero cunha estética significativa que recollen os carteis das revoltas, que se poderán ver ata o día 30 de novembro na Facultade de Humanidades.
A cinta de Klein, é un filme documental con imaxes gravadas in situ durante as manifestacións e debates de maio de 1968 en Francia. O filme de Garrel, que pecha o ciclo de cinema nestas xornadas, ofrece unha visión desde o presente, foi gravada no 2005, e trata o fenómeno desde unha perspectiva actual.
Estas xornadas está organizadas polo departamento de Historia Contemporánea e de América e o Centro de Linguas Modernas (Sección de Francés); colaboran a Fundación 10 de marzo, Vicerreitoría de Cultura, Vicerreitoría de coordinación do Campus de Lugo e o Decanato da Facultade de Humanidades.

The contents of this page were updated on 11.17.2008.