O VII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores ofrece aos emprendedores universitarios unha nova ocasión de levar adiante a súa iniciativa empresarial
Os emprendedores universitarios dispoñen dunha nova ocasión para levar a diante as súas iniciativas empresariais a través do VII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, iniciativa do programa de creación de empresas da USC Uniemprende que ten como obxectivo premiar a emprendedores universitarios que presenten proxectos de empresas innovadoras. O prazo para a presentación de propostas permanecerá aberto ata o 19 de xaneiro de 2007.
Con esta convocatoria preténdese impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, recén licenciados ou investigadores, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. Así, o concurso está aberto á participación de estudantes e titulados de calquera das tres universidades galegas, con independencia da área de coñecemento, que , de xeito individual ou en equipo, teñan un proxecto innovador con potencialidade para converterse nunha empresa. Tamén poderán participar doutores, doutorandos, persoal de investigación, ou alumnos de Terceiro Ciclo que desenvolvan a súa actividade en calquera universidade galega e empresas xa constituídas ao longo do ano 2006 por promotores co perfil descrito.
As persoas interesadas en participar neste concurso deberán presentar un curriculum vitae e unha memoria descritiva do proxecto que incluirán, sen superar as 50 páxinas, o título e a descrición do proxecto, sector ao que se dirixe, produtos ou servizos que se pretenden ofertar, análise da competencia, plan comercial e de marketing, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e unha conta de resultados, todo elo contemplado para un horizonte temporal de cinco anos.
O equipo de asesores de autoemprego da USC e o persoal da incubadora de empresas da institución académica Uninova estará a disposición dos promotores para axudalos na elaboración dos proxectos. As persoas interesadas tamén poderán conseguir un formulario para a elaboración do plan de empresa na páxina web de Uninova. No caso de que a Comisión Avaliadora de Proxectos estime necesario solicitar máis información, poñerao en coñecemento dos participantes para que no prazo de 15 días complete o expediente.
PremiosO mellor proxecto empresarial recibirá un premio en metálico de 5.000 euros aos que haberá que sumar o acceso a un préstamos participativo de ata 24.000 euros ofrecido por Unirisco Galicia SCR. O segundo e o terceiro premio están dotados con 2.000 e 1.000 euros, respectivamente. Todos os finalistas do concurso de proxectos terán acceso a financiamento a través da Rede de Inversores Uniban. Adicionalmente, os tres premiados terán tres meses gratuítos de domiciliación na incubadora de empresas Uninova.
XuradoO xurado encargado de avaliar os proxectos presentados a concurso estará composto por representantes da USC e das entidades colaboradoras. Os criterios de valoración que se terán en conta para emitir o seu ditame centraranse na viabilidade do proxecto, grao de innovación do produto, proceso ou servizo, volume de emprego proxectado e carácter multidisciplinar do equipo de promotores.