Skip to main content

Máis de dous mil estudantes de ensino medio de Galicia visitan a USC esta semana

Máis de 2.000 estudantes de trinta e seis centros de Ensino Medio de Galicia visitarán a Universidade de Santiago esta semana, a partir de mañá mércores 27, e ata o venres 1 de marzo nunha actividade enmarcada nos Encontros do Ensino Medio e a USC do programa ‘A Ponte’ que se repetirá a finais de abril.
Estes encontros pretenden ofrecer aos alumnos de bacharelato e ciclos formativos de Galicia unha oportunidade de coñecer de cerca a Universidade e ter un primeiro contacto cos seus campus, dándolles a opción a elixir entre 15 percorridos diferentes en Santiago e 7 en Lugo.
Nesta primeira quenda, ao Campus de Santiago acudirán preto de 1.800 estudantes pertencentes a trinta centros de Ensino Medio dos que 23 son da provincia da Coruña, 1 de Lugo e 6 de Pontevedra. Durante a mañá cada percorrido deseñouse de xeito que os futuros universitarios reciban in situ a información relativa ás titulacións que se imparten neses centros, visiten as instalacións e dependencias propias de cada un, e poidan recibir unha primeira impresión do que é un día na vida dos universitarios.
Así, no Campus Norte de Santiago os participantes dos encontros poden elixir entre 5 percorridos diferentes: Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación (Mestres) e Escola de Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía. Xa no Campus Sur poderán visitar outros cinco: Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Física; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Escola Técnica Superior de Enxeñaría; e Óptica e Optometría. A saída será ás 10:40 horas da residencia Burgo das Nacións para os itinerarios polo Campus Norte e do Monte da Condesa para os do Campus Sur.
Os percorridos da tarde, que partirán ás 16:00 horas da Residencia Monte da Condesa, están especialmente pensados para que os visitantes coñezan o patrimonio histórico e cultural da USC así como os Institutos de Investigación e centros asociados. Deste xeito, os estudantes poderán escoller entre visitar o patrimonio histórico da Universidade, o Museo Luís Iglesias, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia ou os institutos de investigación.
Campus de LugoNo Campus de Lugo participan nesta actividade preto de 250 alumnos de seis institutos das provincias da Coruña e Lugo. As visitas guiadas partirán ás 10:45 horas da Residencia Universitaria Bal y Gay, dende onde os alumnos acudirán aos centros e facultades organizados por grupos segundo o seu interese en estudar titulacións de Ciencias da Saúde, Enxeñaría Técnica Industrial, carreiras de Ciencias Sociais e Xurídicas ou Ciencias da Educación e Humanidades. Ademais este ano por primeira vez, para completar a estadía no campus e o coñecemento da cidade son varios os institutos que realizarán pola tarde unha visita guiada na que se inclúen os restos romanos e o Museo Provincial.
O Programa A Ponte coordina a organización das visitas solicitadas polos centros de Ensino Medio de toda Galicia contando cos bolseiros de Sostibilidade da USC para acompañar aos participantes no desprazamento ás Facultades e Escolas Universitarias, onde os reciben os responsables asinados polos centros para esta actividade.

The contents of this page were updated on 02.26.2007.