Un informe da Real Sociedade Matemática Española conclúe que as Matemáticas xeran emprego
No marco do I Congreso Hispano-Francés de Matemáticas que está a ter lugar en Zaragoza organizado pola Real Sociedad Matemática Española, a Sociedad Española de Matemática Aplicada e a Sociedade Matemática de Francia, presentouse o informe Salidas Profesionales de los Estudios de Matemáticas: Análisis de la Inserción Laboral y Ofertas de Empleo, liderado pola Comisión Profesional de la RSME e do que é co responsable a profesora da USC Elena Vázquez Cendón. Formaron tamén parte do grupo de traballo os profesores Javier Soria de Diego, da Universidade de Barcelona, e Rodrigo Trujillo, de La Laguna.
Do documento, encargado pola Aneca, despréndese que a imaxe clásica de que estudar matemáticas só sirve para a docencia non se axusta á realidade. Así, das enquisas realizadas a máis de 500 profesionais en activo e da análise de máis de 1.500 ofertas de emprego aparecidas neste ano 2007 detéctase un abano moi amplo de posibilidades profesionais, onde a formación dun matemático é valorada positivamente e en moitos casos de forma case exclusiva. Por vez primeira ademais o universo deste novo estudo contén non só a recentes licenciados ou diplomados (o 66,3% dos enquisados finalizou os seus estudos hai máis de 5 anos).
Nas distintas seccións que compoñen o traballo ofrécese unha panorámica das saídas profesionais dos estudos de matemáticas, identificándose os postos de traballo recomendables para os titulados, mostrando a súa versatilidade e capacidade de incorporación aámbitos moi diversos, ademais de detallárense os requisitos que máis se demandan nos distintos perfís profesionais e identificarse as principais competencias esixidas nas diversas ofertas de emprego matemático.
Amplas expectativas laboraisOs resultados demostran que os estudos de matemáticas, nas súas diferentes especialidades, ofrecen unhas expectativas laborais de amplo espectro, “máis alá do ámbito comunmente asignado da docencia”, sendo os máis destacados administración de empresas, calidade, produción e I+D, finanzas e banca, informática e telecomunicacións, enxeñería e técnicos e márketing e comunicación.
Do informe dedúcese ademais que a incorporación dos titulados en matemáticas ao mercado laboral é un proceso moi rápido. Así, ao cabo de 2 anos o índice de desemprego é só do 5%, e a ocupación case plena (98,2%) tras 5 anos. Neste senso, o 52% obtén un emprego estable en menos de 6 meses, e tras 2 anos a porcentaxe alcanza o 80,9%.
Outro aspecto a salientar da actividade laboral dos titulados en matemáticas é que mostran un grao de satisfacción elevado acerca da súa preparación académica e a súa adecuación ao mundo laboral. Así mesmo, nas valoracións cualitativas destacan maioritariamente o recoñecemento laboral da capacidade analítica á hora de tomar decisións e resolver problemas.