Skip to main content

Unha investigación desenvolve estratexias para mellorar a produción de biobutanol

Helena Peñas González cos directores e integrantes do tribunal da tese
Helena Peñas González cos directores e integrantes do tribunal da tese
Helena Peñas González demostrou a validez dunha separación integrada con aceites vexetais de orixe natural para incrementar a concentración final de produto
Santiago de Compostela

A investigadora da agrupación estratéxica de investigación centrada nas tecnoloxías ambientais Cretus, Helena Peñas González, vén de aplicar técnicas de extracción integradas ao proceso de fermentación de butanol.  Como biocarburante, o butanol presenta importantes vantaxes con respecto ao bioetanol, tales como unha gran densidade enerxética ou unha resposta no motor máis próxima á da gasolina. 

“A produción biolóxica do butanol é custosa, xa que se leva a cabo por medio de bacterias do xénero Clostridia que son fortemente inhibidas polo seu propio produto.  Unha forma de combater este problema pasa por eliminar o produto tóxico do medio a medida que é producido; este é o obxectivo das separacións integradas”, explica Peñas González quen desenvolveu este traballo no marco da súa tese de doutoramento baixo o título ‘Solvent-based approaches to evaluate the ABE extractive fermentation’.
 
A investigadora centrouse na selección de disolventes de extracción adecuados para a fermentación, tanto pola súa capacidade separativa como pola súa biocompatibilidade. As investigacións realizadas permitiron demostrar a validez dunha separación integrada con aceites vexetais de orixe natural para incrementar en mais de 60% a concentración final de produto, reducindo de maneira notable o consumo de auga. Ademais, viuse que a utilización de disolventes específicos de gran capacidade separativa, como o 2-butyl-1-octanol, permite mellorar o rendemento en butanol, o cal se traduce nunha economía de ata o 40 % en materias primas, con respecto ao proceso convencional.

Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento coa cualificación de sobresaliente Cum laude estivo presidido por Francisco Valero Barranco, catedrático de Enxeñaría Química da Universidade Autónoma de Barcelona; Nicolás Lopes Ferreira, investigador senior de Biotecnoloxía, Microbioloxía e Bioloxía Molecular do grupo IFP Energies Nouvelles de Francia; e polo investigador postdoutoral de Enxeñaría Química  da USC, Miguel Mauricio Iglesias.

Este traballo desenvolveuse dentro do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñería Química e foi dirixido polo investigador Thelmo Lú Chau e o profesor Juan M. Lema Rodicio. Ademais, contouse coa participación dun centro de referencia internacional no ámbito da enerxía, o IFP Energies Nouvelles de Francia.
 

The contents of this page were updated on 12.19.2019.