Skip to main content

A USC exporta o 'know how' da produción de xel sanitizante destinado a abastecer a sanidade pública

O xel está destinado á sanidade pública. FOTO: Santi Alvite
O xel está destinado á sanidade pública. FOTO: Santi Alvite
Distintas institucións españolas xunto coas universidades de Verona, Surrey, Edimburgo e Católica de Perú xa se amosaron interesadas por esta iniciativa
Santiago de Compostela

A USC acaba de transferir o seu procedemento de produción do xel sanitizante a outras catro universidades españolas (Granada, Almería, Cantabria e Politécnica de Valencia) así como ás de Verona (Italia), Surrey e Edimburgo (Reino Unido) e á Universidade Católica de Perú. Estas institucións interesáronse pola iniciativa da USC que xa ten posto a disposición da administración autonómica galega arredor de 5.000 botellas do xel. Actualmente, o equipo encargado da súa produción traballa para optimizar o proceso e elevar a produción ata 1.200 ou 1.300 botellas diarias e así alcanzar os 9.000 litros requiridos para o sistema sanitario coa maior celeridade posible. Neste senso, xa se teñen implementado melloras nas instalacións da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE).

Gráfico elaborado por Gumersindo Feijoo Costa sobre a evolución da produción de xel
Gráfico elaborado por Gumersindo Feijoo Costa sobre a evolución da produción de xel

O reitor da USC, Antonio López, salientou que a fabricación destas solucións por parte da USC encádrase no marco da “liña de máxima colaboración que mantén a USC coa Xunta e coas autoridades sanitarias desde o comezo dunha situación excepcional, como o é este estado de alarma”. Agora, como explica o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, a USC pon o know how do proceso de produción do xel sanitizante a disposición de todas as universidades ou institucións interesadas, sempre que se destine a fornecer os sistemas públicos de saúde, nunca con fins comerciais.

Garantir o abastacemento

A USC comezou a semana pasada a produción de xel sanitizante en base a etanol ou alcohol isopropílico, a fin de tratar de garantir así o abastecemento deste subministro ao Sergas. A institución docente dá conta así do encargo da administración autonómica para fabricar 9.000 litros desta solución hidroalcohólica, un lote que será distribuído nos centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro de capacidade cada un, segundo informou o reitor Antonio López.

O equipo encargado da súa produción traballa para optimizar o proceso e elevar a produción. FOTO: Santi Alvite
O equipo encargado da súa produción traballa para optimizar o proceso e elevar a produción. FOTO: Santi Alvite
Produción de Xel Sanitizante
The contents of this page were updated on 04.06.2020.