Skip to main content

Unha obra resume os fundamentos dos balances de materia de aplicación na Enxeñaría Química, Ambiental e Bioquímica

No libro aplícase unha metodoloxía docente orixinal empregada nos títulos que se imparten na USC. FOTO: Santi Alvite
No libro aplícase unha metodoloxía docente orixinal empregada nos títulos que se imparten na USC. FOTO: Santi Alvite
Gumersindo Feijoo Costa, Juan Manuel Lema e María Teresa Moreira acaban de sacar do prelo un dos primeiros libros de texto que a Enxeñaría Química española ten publicado en inglés
Santiago de Compostela

A obra Mass balances for quemical engineers dos profesores da USC María Teresa Moreira, Gumersindo Feijoo Costa e Juan Manuel Lema, constitúe un dos primeiros libros de texto que a Enxeñaría Química española ten publicado en inglés. A obra que vén de ver a luz resume os fundamentos dos balances de materia de aplicación na Enxeñaría Química, Enxeñaría Ambiental e Enxeñaría Bioquímica.

“No libro aplícase unha metodoloxía docente orixinal empregada nos títulos que se imparten na USC”, explica Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade. Este enfoque introduce o concepto de ‘simulación’ cunha aplicación intensiva da folla de cálculo que permite determinar o efecto dos parámetros de funcionamento en unidades individuais pero tamén en procesos complexos. “O estudo de caso abarca aspectos relacionados tanto coa industria química clásica como os principios da química verde”, continúa Feijoo Costa. Deste xeito, a simulación permite evolucionar as unidades de proceso aos parámetros da economía circular e, polo tanto, “na definición de procesos de produción sustentables”, conclúe.

70 anos de historia

O profesorado do Departamento de Enxeñaría Química da USC xa se caracterizou dende os seus inicios hai setenta anos, “en tratar de compaxinar e potenciar tanto unha actividade docente como unha actividade investigadora ao ser dúas caras da mesma moeda na misión do profesorado universitario”, continúa Feijoo Costa. Así, no ano 1952 o profesor Angel Vian e Joaquín Ocón publican Elementos de Ingeniería Química: Operaciones básicas, un dos primeiros libros de texto en español que se publican nesta disciplina e que se converteu nun libro de referencia en España e Iberoamérica.

No ano 1968, na mesma editorial Aguilar, esta obra compleméntase coa publicación do libro Problemas de Ingeniería Química, en dous tomos, polos profesores Joaquín Ocon e Gabriel Tojo, que forman parte da bibliografía básica que se empregou na Enxeñaría Química para a formación de varias xeracións de Enxeñeiros/as nas universidades españolas.

Cuberta do libro
Cuberta do libro
The contents of this page were updated on 08.20.2020.