Skip to main content

O Círculo de Lingüística Inglesa profunda nas ‘ilusións gramaticais’ e nos ‘case-sinónimos’ vinculados ao olfacto

O ELC aborda dende a variación, o cambio e o contacto lingüístico, ata os vínculos entre lingua, cultura, identidade e ideoloxía ou o procesamento, a adquisición e o ensino de primeiras e segundas linguas. FOTO: Santi Alvite
O ELC aborda dende a variación, o cambio e o contacto lingüístico, ata os vínculos entre lingua, cultura, identidade e ideoloxía ou o procesamento, a adquisición e o ensino de primeiras e segundas linguas. FOTO: Santi Alvite
As investigacións desenvolvidas por Iria de Dios Flores e Daniela Pettersson Traba enmárcanse no seo desta rede composta por cinco grupos de referencia competitiva e potencial de crecemento da USC e da UVigo
Santiago de Compostela

As ‘ilusións gramaticais’ e os ‘case sinónimos’ son os eidos nos que afondaron Iria de Dios Flores e Daniela Pettersson Traba, nas súas respectivas teses de doutoramento. Ambas as dúas investigadoras pertencen ao Círculo de Lingüística Inglesa (ELC), unha rede de investigación composta por cinco grupos de referencia competitiva e potencial de crecemento da USC e da UVigo, que aborda dende a variación, o cambio e o contacto lingüístico, ata os vínculos entre lingua, cultura, identidade e ideoloxía ou o procesamento, a adquisición e o ensino de primeiras e segundas linguas.

Software e procesador

A relación que existe entre unha gramática ideal e o procesamento das estruturas que xera en tempo real é a temática da tese de Iria de Dios Flores, Processing long-distance dependencies: An experimental investigation of grammatical illusions in English and Spanish. Durante séculos especulouse se a mente humana posúe, por unha banda, un software gramatical (unha gramática) e, por outra, un procesador. “Mentres que a gramática non estaría afectada por presións de índole temporal ou sobrecarga do sistema, o procesador si o estaría, nomeadamente por determinadas estruturas sintácticas que lle xeran problemas e pola memoria operativa, moi limitada en humanos”, explica a investigadora.

Utilizando, entre outras metodoloxías, aparellos de rexistros oculares —capaces de revelar onde se pousan os ollos nun texto milisegundo a milisegundo—, Iria de Dios avanza no coñecemento desta área da ciencia cognitiva, centrándose no estudo das denominadas ilusións gramaticais, é dicir, estruturas que enganan ao procesador levándoo ata resolucións que acaban sendo imposibles. A tese, que acadou Mención Internacional e Sobresaliente cum laude, foi dirixida por J. Carlos Acuña Fariña e Manuel Carreiras (Ikerbasque - Basque Center on Cognition, Brain and Language).

A profesora Iria de Dios foi Premio Extraordinario Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e Premio Extraordinario de Mestrado da USC. Levou a cabo estadías de especialización nas universidades de Maryland (EEUU) e Minho (Portugal). É membro do grupo do Círculo Procesos Cognitivos e Conduta.

Campo semántico do olfacto

Por outra banda, Daniela Pettersson Traba analiza na súa tese a distribución dunha serie de adxectivos case-sinónimos do campo semántico do olfacto no inglés americano moderno e contemporáneo, mediante técnicas estatísticas univariantes e multivariantes moi complexas. Os resultados mostran que se están a producir cambios importantes nos usos prototípicos dos sinónimos obxecto de estudo que parecen estar motivados por factores extralingüísticos relacionados co proceso de modernización da sociedade norteamericana. “A tese profunda no noso coñecemento dos factores que inflúen na variación entre case-sinónimos léxicos, así como nas motivacións desta variación. Asemade, pon énfase na dimensión diacrónica da sinonimia, un ámbito practicamente inexplorado na bibliografía especializada, e mostra que os procesos semánticos subxacentes aos cambios que os case-sinónimos experimentan co tempo son máis amplos do que orixinalmente se pensaba”, apunta a investigadora. A tese de doutoramento, titulada A corpus-based study on near-synonymy: The concept PLEASANT SMELLING in 19th- and 20th-century American English e dirixida por María José López Couso, acadou Mención Internacional e a cualificación de Sobresaliente cum laude.

Daniela Pettersson realizou os seus estudos de grao e mestrado na USC, con Premio Extraordinario, e levou a cabo estadías de investigación na University College London (Reino Unido), KU Leuven (Bélxica) e Universidade Católica Portuguesa (Portugal). Forma parte do grupo de investigación do ELC Variación, Cambio Lingüístico e Gramaticalización.

No seo do ELC formáronse nos últimos anos varias ducias de investigadores, que teñen sido distinguidos en numerosas ocasións con premios de investigación de asociacións científicas, así como cos Premios Extraordinarios de Doutoramento, que nas súas dúas últimas edicións recaeron, entre outros, nos membros da rede vinculados á USC Zeltia Blanco Suárez, Tamara Bouso Rivas e Iván Tamaredo Meira.

Iria de Dios Flores e Daniela Pettersson Traba acaban de defender as súas respectivas teses de doutoramento
Iria de Dios Flores e Daniela Pettersson Traba acaban de defender as súas respectivas teses de doutoramento
The contents of this page were updated on 04.06.2021.