Skip to main content

A USC, mentora de universidades centroasiáticas grazas ao proxecto CLASS

Sesión de formación do proxecto CLASS. Imaxe de arquivo
Sesión de formación do proxecto CLASS. Imaxe de arquivo
Ao abeiro do Programa Erasmus+, levouse a cabo a formación de persoal docente e investigador para a posta en marcha dun máster en Lingüística Computacional xa acreditado ante os gobernos casaco e uzbeko
Santiago de Compostela

Persoal docente e investigador de universidades uzbekas e casacas recibiu formación sobre lingüística inglesa, metodoloxía didáctica semipresencial, e sobre ferramentas informáticas para o procesamento lingüístico de cara á posta en marcha dun mestrado en Lingüística Computacional. Esta foi a meta do proxecto CLASS (Development of the interdisciplinary master program on Computational Linguistics at Central Asian universities), cuxa coordinación académica correu a cargo do profesor da USC Paulo Gamallo, ao longo de tres anos e medio de traballo, en colaboración con once universidades europeas e centroasiáticas. Este proxecto nacido ao abeiro do Programa Erasmus+, brindou  tamén asesoramento para desenvolver o currículo do máster, os temarios e os materiais docentes.

O obxectivo clave do proxecto foi a consecución da acreditación do máster en Lingüística Computacional ante os gobernos casaco e uzbeko. Baixo a coordinación da USC, tamén tomaron parte neste consorcio internacional a UDC, a University of West Attica (Grecia), a Universidade do Porto (Portugal), e a Adam Mickiewicz University in Poznań (Polonia). “A lingüística computacional é crucial para o desenvolvemento de altas tecnoloxías da información e absolutamente necesaria para o progreso industrial, social e cultural”, explican os investigadores. “Ademais, estas tecnoloxías avanzan a diferentes velocidades nos países afectados”, matizan. Este campo interdisciplinario ocúpase do estudo da lingua e o desenvolvemento de aplicacións lingüísticas con medios computacionais.

As universidades centroasiáticas integrantes do consorcio foron as uzbekas Urgench State University, Samarkand State Institute of Foreign Languages, Tashkent State University of the Uzbek language and literature, e National University of Uzbekistan; e as casacas Al-Farabi Kazakh National University, L.N. Gumilyov Eurasian National University, e A. Baitursynov Kostanay Regional University.

Democratización da educación superior

Este proxecto deséñase en resposta á necesidade de países como Casaquistán e Uzbekistán, nos que non existía ningún plan de estudos interdisciplinario no ámbito da lingüística computacional e do procesamento da linguaxe natural, de aí que os obxectivos desta iniciativa se concreten na creación e implementación dun máster neste eido, “promovendo a formación semipresencial para a democratización da educación superior e a creación de recursos e aplicacións lingüísticas para as linguas casaca e uzbeka”, continúan.

Unha vez dotadas con material de referencia na área de coñecemento e equipos para dar cumprimento aos obxectivos, as universidades centroasiáticas desenvolveron unha decena de ferramentas de procesamento de linguaxe natural. Participaron asemade en múltiples conferencias, elaboraron vídeos diversos para dar visibilidade ao proxecto, e realizaron publicacións en revistas de prestixio.

O proxecto CLASS encádrase na acción dúas do Programa Erasmus+ da Comisión Europea, cuxo obxectivo é proporcionar oportunidades para a cooperación, innovación e o intercambio de boas e innovadoras prácticas, no eido educativo e formativo entre as institucións dos diferentes países participantes. O proxecto contou co apoio do persoal técnico de proxectos internacionais da Área de Promoción e Proxectos Internacionais da Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC.

The contents of this page were updated on 04.08.2021.