Universitarios claman por un futuro sostible no Día da Terra

A USC suma a súa voz a dos estudantes dunha decena universidades de oito países de África, América Latina e Europa que celebran este xoves o Día da Terra cun evento internacional ‘Estudantes en ruta cara a un futuro sostible’, unha iniciativa promovida ao abeiro do programa de doutoramento internacional en Ciencias Agrícolas e Medioambientais que coordina o catedrático da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo Agustín Merino García.
A implicación do alumnado da USC neste proxecto internacional, que se poderá seguir en liña desde as 18.00 horas, a través da ligazón http://ir.gl/diadelatierra2021, responde á necesidade de alertar unha vez máis á sociedade sobre os principais retos e riscos ambientais aos que se enfronta o planeta Terra, ademais de sensibilizar e concienciar á poboación estudantil e ao resto da cidadanía sobre a importancia de avanzar cara a un futuro sostible.
A alumna da materia Recuperación de espazos degradados do grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Iria Martínez Sambade actuará como voceira da USC neste foro virtual, no que se presentará un vídeo realizado pola estudante de Ciencias da Comunicación Elena González Rubianes que recolle os resultados do proxecto ‘Plantando cara ao lume’, en cuxas actuacións participaron, entre outros, estudantes e docentes do mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), da EPSE e da Facultade de Bioloxía da USC.
O alumnado das universidades implicadas neste evento virtual conmemorativo do Día da Terra 2021 será o principal protagonista deste foro internacional, no marco do que representantes de cada pais fará unha intervención breve de aproximadamente 5 minutos de duración, nas que afondarán sobre a pertinencia de recuperar os territorios degradados, que representan unha superficie superior ao 23% do total.
O intercambio das diversas experiencias e estudos desenvolvidos neste eido, permitirá á comunidade universitaria internacional ter un coñecemento máis polo miúdo da situación das especies arbóreas nativas en Guatemala, da biodiversidade para humanos en Ecuador ou da xestión que se fai en Honduras de residuos humanos e enerxía. O espe llismo do aguacate e as aves en México, as actuacións de mellora medioambiental desenvolvidas en Panamá e unha exposición sobre accións contraditorias coa preservación da natureza desde a Universidade de Lisboa, completan a relación de contidos desta sesión.
