Skip to main content

A EPS de Enxeñaría, centro examinador do LIGAL para obter a certificación de manipulador de leite cru

Unha persoa manipula leite cru
Unha persoa manipula leite cru
O centro universitario lugués acolle desde o martes e ata mediados do mes de xuño as probas de avaliación das máis de 700 persoas que completaron en Liña a formación impartida polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC converterase durante un mes en centro examinador do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite (LIGAL) para aquelas persoas interesas na obtención da certificación habilitante para manipular leite cru.

As probas de avaliación promovidas polo LIGAL están abertas á participación das máis de 700 persoas que completaron a formación previa impartida en liña no marco dun curso de tomadores de mostras de leite. A superación destas probas é imprescindible para obter ou, no seu caso, renovar o certificado habilitante para manipular mostras de leite cru. Os exames comezan o martes 18 de maio e desenvolveranse durante catro semanas, polo que o proceso de avaliación se prolongarán durante o mes de xuño.

O LIGAL é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xuño de 1989, declarada de utilidade pública (Orde INT/2091/2003 de 26 de xuño). Os seus fins básicos son de carácter asistencial, educativo, científico, sanitario, de cooperación e fomento da economía primaria e de investigación no ámbito da produción leiteira. Neste organismo están presentes os representantes do sector industrial e produtor da leite de Galicia mediante as súas organizacións profesionais.

O Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite  é tamén responsable de impartir a formación esixida legalmente para actuar como manipulador e tomador de mostras de leite cru, un programa que nesta ocasión se desenvolveu de xeito virtual por mor da situación sociosanitaria derivada da pandemia provocada pola COVID-19.

 

The contents of this page were updated on 05.13.2021.