Skip to main content

“As dinámicas que expulsan as mulleres da xestión do monte en Galicia son as mesmas ca en África, Asia ou Latinoamérica”

Beatriz Rodríguez-Morales e Ana Cabana, en Xove
Beatriz Rodríguez-Morales e Ana Cabana, no Lugar das Marías, en Xove
As investigadores da USC no Campus de Lugo Beatriz Rodríguez-Morales, doutora en Enxeñaría de Montes, e Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia Contemporánea, reflexionan sobre a “expulsión” feminina do monte nas xornadas 'Rural e xénero', celebradas en Xove
Lugo

Nos anos corenta do século pasado, nos comezos ditadura franquista, os montes galegos fóronlles usurpados ás comunidades e pasaron a titularidade municipal para seren reforestados, principalmente a piñeiro. Este feito supuxo a “expulsión” das mulleres dos labores que realizaban no monte. Malia que a democracia recuperou a figura das comunidades de montes en mancomún e hoxe o monte comunal representa un quinto da superficie de Galicia, non se produciu un regreso feminino a este espazo. As investigadoras da USC no Campus de Lugo Beatriz Rodríguez-Morales, doutora en Enxeñaría de Montes, e Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia Contemporánea e Historia Agraria de Galicia, trataron a ausencia feminina no monte nun dos relatorios incluídos no programa dunhas xornadas sobre rural e xénero que se están a celebrar en Xove, onde salientaron que as dinámicas desta expulsión das mulleres do monte “son as mesmas en Galicia ca en África, Asia ou Latinoamérica”.

As xornadas ‘A construción social dun desenvolvemento rural integral: perspectivas, representacións, diálogos e xénero. Rural e xénero’, que rematan este venres no Lugar das Marías, no municipio de Xove, ofreceron ao público participante unha ollada feminista sobre os planos económico, social, cultural e ambiental, sobre os que debe fundamentarse o desenvolvemento rural.

Rodríguez-Morales, aproveitou a súa intervención, que se desenvolveu baixo baixo o título ‘Percepción e participación das mulleres na gobernanza dos comunais’, para facer unha percorrido pola súa investigación de doutoramento, centrada en pescudas realizadas sobre o terreo no monte Xalo, no concello de Culleredo, e nas que constatou que a participación das mulleres nas asembleas non chega ao 25%. “Nunca participan nas directivas e cando acoden, sentan detrás e quedan caladas”, subliña.

Rodríguez-Morales traballou diferentes metodoloxías cun grupo de mulleres da asociación Berenguelas de Culleredo, que ao seren preguntadas pola súa idea da xestión do monte e a posibilidade de que as mulleres tivesen voz e poder de decisión nos montes comunais privilexiaron “servizos ecosistémicos de tipo cultural -sentido de pertenza, referencias estacionais e xeográficas, lembranzas-  fronte aos puramente produtivos”. Así mesmo, indicaron a súa preferencia porque houbese menos eucaliptos, por un monte ordenado e por darlle visibilidade e promoción. Consideran asemade que poden achegarlle á xestión do monte democracia pacífica, inclusividade, traballo polo ben común, interseccionalidade e cooperación.

Literatura científica

Cando Beatriz Rodríguez-Morales desenvolvía a súa pescuda, atopouse coa carencia de literatura científica sobre Galicia, pero ao mergullarse noutros documentos internacionais confirmou que o limiar do 30% na presenza das mulleres nas organizacións é esencial para animar as outras a tomar a voz. Estas razóns e dinámicas que expulsan as mulleres do monte de Galicia prodúcense tamén en Asia, Latinoamérica ou África, apuntou, para logo precisar  que “por unha banda están as propias dinámicas e roles de xénero, a división dos tempos e dos traballos en función do xénero. Por outra, a procura de evitar a conflitividade”.

A propia Rodríguez-Morales e Cabana Iglesia, entre outras autoras, paliaron en 2019 a falta de literatura académica ao respecto coa súa participación no volume colectivo ‘Árbores que non arde’, no que se abordan a ollada feminina e a perspectiva de xénero na prevención e na extinción dos incendios. A este respecto, a profesora Ana Cabana considera que isto vai máis aló do aínda escaso número de mulleres nas brigadas de extinción de incendios forestais. “A presenza de corpos femininos non sempre implica unha acción feminista”, incide.  

“Non se teñen en conta as mulleres nin as maneiras de razoar. Existe unha idea moi distinta entre homes e mulleres sobre os lumes preventivos. As mulleres respondemos mellor á orde de evacuar. As taxas de mortalidade nos homes en incendios tamén son máis elevadas, xa que senten o imperativo de ser moi valentes e moi homes”, lembran.

Por outra banda, existen investigacións que demostran que a paisaxe de monte destruído polo lume “afecta moito máis ás mulleres”. E, despois, unha vez que se extinguiu o incendio, “nin se consulta” a opinión das mulleres para a reconstrución. “Non temos papel nin na extinción nin no medio nin despois. É outro ámbito que nos expulsa”, explica Ana Cabana, para quen “a ollada feminina non ten por que ser mellor, pero ten que ser tida en conta”. Ademais, “no rural, espazos como a xestión do monte e a prevención e extinción de incendios deben ser repensados”, conclúe.

The contents of this page were updated on 09.03.2021.