Skip to main content

Pemade desenvolverá produtos estruturais con chopo, piñeiro e formigón co Life Madeira para o futuro

Manuel Guaita, na inauguración do Life Madeira para o futuro, en Granada
Manuel Guaita, na inauguración do Life Madeira para o futuro, en Granada
O catedrático da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo Manuel Guaita participa en Granada na inauguración dun programa europeo orientado a recuperar a biodiversidade da Veiga granadina e a favorecer o uso da súa madeira para unha construción sustentable. A spin-off do Campus de Lugo 3edata tamén figura como socio do consorcio nacional nun proxecto dotado con tres millóns de euros de financiamento
Lugo

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e a spin-off xurdida no Campus de Lugo 3edata traballarán a prol da recuperación da biodiversidade das plantacións forestais de chopo da Vega de Granada e do uso da súa madeira para unha construción sustentable ao abeiro do proxecto Life Madeira para o futuro, un programa liderado pola Universidade de Granada e dotado con 2.985.886 euros de financiamento, co que se pretende avanzar na mitigación dos efectos do cambio climático.

O catedrático da USC Manuel Guaita, que participou este xoves na sesión de inaugural deste novo proxecto Life, salientou na súa intervención que os cometidos de Pemade neste iniciativa céntranse no desenvolvemento e na creación de novos produtos estruturais con madeira de chopo. Este novo catálogo de elementos construtivos incluiría laminados de madeira de chopo, laminados mixtos con madeira de álamo e piñeiro e produtos mixtos integrados por madeira de chopo e formigón.

O obxectivo das liñas de actuación proxectadas ao abeiro do Life Madeira para o futuro, salientou Guaita, pasan por reducir de xeito progresivo o uso do formigón na construción, a través da creación de novos produtos que permitan conservar as mellores prestacións que ofrece cada un dos materiais antes citados e, en definitiva, aumentar o valor engadido da madeira a partir deste novo uso ou aplicación.

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC e a empresa xurdida do Campus de Lugo 3edata participan no Life Madeira para a futuro, un programa financiado nun 55% a través da Axencia Executiva Europea para o Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA), como membros dun consorcio liderado pola Universidade de Granada e no que tamén están representados a Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) e a Deputación de Granada.

Mecanismo de bioeconomía circular

O Life Madeira para o futuro (Wood for Future), concibido como mecanismo de bioeconomía circular, antóllase como unha ferramenta acaída para fortalecer a cadea de valor da madeira e o uso sustentable da terra, a fin de conxugar o aproveitamento dos recursos naturais e a conservación do medio ambiente. Daquela, o obxectivo global do proxecto é a recuperación das alamedas na Veiga de Granada a través da creación dunha agrupación de ecoprodutores e a valorización da madeira de chopo.

A valorización preténdese conseguir mediante a implantación de modelos silvícolas sustentables de produción de madeira de chopo de calidade, a creación dun esquema de pago por secuestro de carbono que supoña un incremento de renda económica das plantacións de chopo polos seus servizos ambientais, e a creación de sistemas construtivos estruturais innovadores baseados na madeira desta árbore. Estas accións permitirán asemade reducir as emisións de CO2 a través dunha bioeconomía baseada no chopo, desde a súa xestión forestal sustentable até a transformación da madeira en sistemas construtivos innovadores de alto valor, incluíndo a súa comercialización.

Bioprodutos estruturais

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, liderada polo catedrático da USC Manuel Guaita, terá un cometido salientable no desenvolvemento de bioprodutos estruturais para a construción contemplado o marco deste proxecto Life, un programa que se ben está localizado nas áreas de 15 municipios da comarca da Veiga granadina nas que a intensificación de cultivos agrícolas desprazaron as poboacións de chopos, aspira a ter incidencia e repercusión alén desa rexión andaluza.

Os promotores do Life Madeira para o futuro, un proxecto con vocación demostrativa e cun compoñente social relevante, xa que busca a implicación de múltiples axentes vinculados ao territorio, desde propietarios, administración pública, empresas, asociacións..., agardan replicar e transferir os resultados deste proxecto a outras áreas de España e da Unión Europea. Así, alén de actuacións concretas, como pode ser a restauración de dous quilómetros de ribeira na Veiga de Granada ou a creación dun viveiro de planta de chopo certificada nesta rexión, o Life Wood for Future tamén atopa entre as súas finalidades o desenvolvemento dunha ferramenta de avaliación da calidade da madeira en toda a cadea de valor ou a incorporación da madeira de chopo na norma EN1912 como especie de carácter estrutural.

 

Representantes dos socios implicados no Life Madeira para o futuro, na Universidade de Granada
Representantes dos socios implicados no Life Madeira para o futuro, na Universidade de Granada
The contents of this page were updated on 09.24.2021.