Resolto o Concurso Literario Mazarelos que impulsa a Facultade de Filoloxía

O certame literario Mazarelos, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC, recoñeceu co primeiro premio a obra O livro de Liu Changqing do escritor Daniel Barral Calvo. O xurado destacou no seu ditame “a cohesión da obra e a particular cohesión dun universo propio a través da poesía”. O segundo premio foi para Sara Porto Puente pola obra Tarde da que se subliñou “a madurez de estilo que representa”. Barral Calvo é estudante do mestrado en Profesorado, mentres que Porto Puente é alumna do grao en Filoloxía Clásica. Na modalidade científica distinguiuse a Miguel Baena Laseca, alumno do grao en Veterinaria, por Gustaralles o jazz ás moscas?
Un total de 36 traballos concorreron á sétima edición deste certame. Ademais, nove dos orixinais presentados enmarcáronse na categoría do premio reservada para obras de carácter científico, unha novidade con respecto a edicións anteriores e que se desenvolve en colaboración coa Asociación AgroMar. O xurado estivo composto por Mario Regueira e Carlos Pérez Varela, escritores e profesores da Facultade de Filoloxía; Clara Vázquez, profesora de galego; Sabela Fernández, profesora e editora; e Samuel Solleiro, músico, poeta e tradutor. Na modalidade científica, o comité asesor estivo integrado por Ana Manuela Azevedo Gomes, Uxía Yáñez Ramil e Damián da Silva Martins, membros da asociación de investigadoras/es AgroMar.
Dirixido a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e a desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, este certame aspira tamén a contribuír ao descubrimento de potenciais figuras da literatura en lingua galega. Os premios do certame están dotados con 600 e 400 euros na modalidade aberta, e 500 euros na modalidade científica, alén do correspondente diploma honorífico.
O número de orixinais recibidos superou con amplitude os trece recibidos o ano pasado e igualou as cifras de 2019, ano no que tamén se presentaron 36 orixinais, a cantidade máis elevada no conxunto da historia do premio. O Concurso Literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.