Humanidades celebra a festividade do patrón cun acto no que distinguirá o catedrático Rodríguez Colmenero
A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC celebrará este xoves, a partir das 12.00 horas, o acto institucional conmemorativo da festividade de San Isidoro, unha sesión que servirá tamén para render homenaxe ao catedrático de Arqueoloxía Antonio Rodríguez Colmenero, ao que a Facultade de Humanidades agasalla cunha insignia.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a deputada provincial Pilar García Porto, tamén intervirán como relatores nesta sesión conmemorativa da festividade de San Isidoro, patrón das Humanidades, e no marco da que o profesor Rodríguez Colmenero ofrecerá o relatorio ‘Voluntario rendemento de contas dun profesor universitario xubilado da súa Facultade de Humanidades’.
O acto conmemorativo da festa do patrón da Facultade de Humanidades será tamén o escenario no que os responsables académicos farán entrega dos Premios Extraordinarios os estudantes que remataron o curso pasado co mellor expediente académico os estudos de grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Lingua e Literatura Española, así como do máster universitario en Servizos Culturais.
A celebración da festividade de San Isidoro servirá tamén de acto de clausura da exposición ‘ Galicianas: Mulleres galegas facendo historia, organizada polo presidente da asociación cultural ‘ Vai rañala meu!!’ de Música Tabernaria, Daniel Cánovas. A presentación das actividades de visibilización de mulleres silenciadas ‘Vítimas de violencia machista’ e ‘Mulleres defensoras dos dereitos humanos’, iniciativas coordinadas pola profesora Beatriz Fernández Herrero e a intervención do grupo vocal Solo Voces servirá de peche da sesión.