Skip to main content

Alumnado de Humanidades busca dar visibilidade á problemática da violencia de xénero coa elaboración dun rexistro de vítimas

Rexistro de casos vítimas de violencia machista, en Humanidades
Rexistro de casos vítimas de violencia machista, en Humanidades
A profesora Beatriz Fernández Herrero, que imparte a materia 'Ética e Política dos Dereitos Humanos', é a coordinadora da iniciativa

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC está a converterse nun improvisado observatorio sobre a violencia de xénero grazas a unha iniciativa a prol da visibilización da violencia machista que está a desenvolver desde comezos de ano o alumnado de segundo curso do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural matriculado na materia ‘Ética e Política dos Dereitos Humanos’, impartida pola profesora Beatriz Fernández Herrero.

A visibilización da violencia de xénero e da súa múltiple e inesgotable casuística capitaliza tanto os motivos como os obxectivos da singular iniciativa estudantil que se está a desenvolver na Facultade de Humanidades de Lugo e na que participan alumnos de España, Brasil e Colombia, xunto coa profesora Fernández Herrero. Todos eles coinciden na necesidade de loitar contra a violencia de xénero, “un problema estrutural da sociedade aínda moitas veces silenciado por non resultar visible” , comentan.

Fronte á invisibilización e ó silencia que agocha aínda moitos casos de mulleres violentadas, o estudantado e a docente da materia ‘Ética e Política dos Dereitos Humanos’ optaron por emprender o seu particular rexistro de episodios dramáticos rexistrados, así como doutras situacións tamén denunciadas, nos seus países de orixe: España, Brasil e Colombia.

Ademais da compilación nominativa dos casos advertidos e máis ou menos replicados e dados a coñecer á sociedade a través dos diferentes medios de comunicación, esta iniciativa a prol da erradicación da violencia de xénero coida tamén a visibilización de tales feitos. Daquela, de xeito parello á elaboración dunha lista cada vez máis longa de casos, os estudantes tamén simbolización a súa localización xeográfica a través da colocación de chinchetas no mapa de cada un dos países de referencia.

“Esta exposición simbólica constitúe xa unha acción transversal da materia”, sinala Fernández Herrero. “Comezamos a contabilizar os casos desde o mes de xaneiro e, pasados uns meses, o número non para de aumentar”, engade esta docente, ao tempo que relata que a actualización do rexistro faise practicamente a diario de luns a venres. “O número e casos tennos desbordado, sobre todo a casuística das fins de semana”, conclúe Fernández Herrero, quen avanzou que a mostra permanecerá aberta no centro universitario lugués ata mediados de maio.

The contents of this page were updated on 04.27.2018.