Nando Pereira exhibe en Filoloxía a súa produción escultórica na mostra ‘Neopórtico’

O artista compostelán Nando Pereira (Nanout) exhibe ata o 18 de marzo en Filoloxía unha mostra de esculturas baixo o lema ‘Neopórtico’, unha escolma de pezas realizadas nos últimos 15 anos e pertencentes a diferentes coleccións. A exposición foi obxecto dunha inauguración este luns 31 coa presenza do decano da Facultade, Elias Feijó Torres, do pintor compostelán Nolo Suárez, así como o propio autor, quen deu conta do sentido da exposición.
Entre as pezas exhibidas, atópanse dende as primeiras obras das series ‘Xentidades’ e ‘Hibridanos e zoogonías’ ata os traballos en granito de ‘Maremutantes’ e ‘Ferodinamos’, sen esquecer as obras de maior formato que deron orixe ao proxecto ‘Libredón 2.0’, realizadas en madeira recuperada dos bosques que arrodean Compostela. Cun estilo que atopa inspiración tanto “no eclecticismo das vangardas como na ficción científica ou nas culturas ancestrais, decidín poñer en valor os materiais autóctonos dándolles un sentido netamente figurativo”. Nesta mesma liña e grazas ao aproveitamentos dos recursos autóctonos -base das pezas mostradas- “puiden chegar a valorar, por exemplo, o granito procedente das abas dos montes Pedro e Fontecova, nos que me criei, e que forma parte non só de moitas edificacións da nosa cidade, senón tamén da propia catedral e, segundo certos estudos, do mesmo Pórtico da Gloria’.
En relación á filosofía que serve de fío condutor á concepción do traballo escultórico, Nando Pereira explica que “a natureza inspira non só o corpus estético que caracteriza as miñas pezas, senón que proporciona a materia primordial da que aquelas están feitas. A miña condición de habitante do rural fai que, dende cativo, saiba recoñecer as posibilidades que ofrece a contorna na que me desenvolvo e, este feito, rematou por reflectirse tamén no meu labor creativo.