Skip to main content

A relación entre cine, televisión e cultura, a debate esta semana en Humanidades no marco do XIII Curso de Primavera da USC

Cartaz do XIII Curso de Primavera da USC
Cartaz do XIII Curso de Primavera da USC
O programa, coordinado por Mario Sanfiz e no que intervirán máis dunha ducia de relatores, desenvolverase desde este martes ao venres 6 de abril

A relación entre cine, televisión e cultura centra a temática da décimo terceira edición do Curso de Primavera da USC, un foro de debate e divulgación coordinado nesta edición por Mario Sanfiz e que se desenvolverá desde este martes 3 de abril ata o venres na Facultade de Humanidades de Lugo.

O programa desta nova entrega do Curso de Primavera da USC, unha actividade programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que se alimenta das achegas económicas que recibe da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, contará coa participación de máis dunha ducia de relatores, na súa maioría profesores universitarios, pero tamén investigadores, escritores, produtores cinematográficos e mesmo actores e actrices.

O profesor de Comunicación e Xornalismo Especializado da USC e director da revista Tempos Novos, Luis Álvarez Pousa, abrirá este martes a quenda de intervencións da primeira xornada do curso, que xirará arredor do cine e a literatura. Televisión e cultura serán os temas sobre os que versarán os relatores programados o mércores 4 de abril no marco do XIII Curso de Primavera da USC, un foro no que distintos especialistas tamén afondarán sobre as ligazóns e interaccións entre cine, cultura e memoria, ao tempo que realizarán unha análise sobre a situación e a evolución do cine e televisión en Galicia.

O programa completo do XIII Curso de Primavera da USC tamén está accesible na web www.lugocultural.es.

The contents of this page were updated on 04.02.2018.