Skip to main content

“Os datos son un activo capital para as empresas e un nicho de oportunidades no ámbito das enxeñarías”, di Laura Ríos

Asistentes ao relatorio ofrecido por Laura Ríos Pena na EPS de Enxeñaría
Asistentes ao relatorio ofrecido por Laura Ríos Pena na EPS de Enxeñaría
A colaboradora do grupo de investigación PROePLA da EPS de Enxeñaría e líder de machine learning do equipo de analítica dunha multinacional do sector téxtil sinala que a estratexia de transformación na era dixital pasa pola xestión e a integración de datos nos ciclos de vida dos proxectos empresariais
Lugo

“Os datos son un activo capital para as empresas e constitúen tamén un novo nicho de oportunidades no ámbito das enxeñarías”, salienta a líder de machine learning do equipo de analytics dunha das principais multinacionais do sector retail con sede en Galicia, Laura Ríos Pena, para logo precisar que o departamento de traballo que dirixe triplicou o número de traballadores nos últimos anos e seguirá a aumentar o cadro de persoal, dixo.   

A colaboradora do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, o centro universitario no que previamente completou as titulacións de Enxeñería Técnica Forestal e Enxeñería de Montes e onde logo desenvolveu conxuntamente coa Estación Biolóxica de Doñana do CSIC a súa tese de doutoramento ao abeiro do programa de Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, fixo estas declaracións no marco dun relatorio incluído na programación do mestrado en Dirección de Proxectos e dirixido a estudantes e investigadores da EPS de Enxeñaría.

Na súa intervención, desenvolvida baixo o título ‘A transformación na era dixital. Estratexia e tendencia de futuro’, Ríos Pena, puxo o foco na importancia crecente que teñen os datos nas empresas, especialmente naquelas que acadan dimensión internacional e que manexan no seu negocio multitude de produtos e servizos con miles de provedores, decenas de miles de empregados e miles de centros de distribución e venda.

A líder de machine learning do equipo de analytics desta empresa do sector retail debullou logo como se integra a xestión de datos en todos os ciclos de vida dos proxectos que desenvolven as multinacionais, uns procesos que cualificou de “moi interesantes” para os futuros directores de proxectos e mesmo para os graduados en Robótica.

A investigación é outro dos piares sobre os que se asenta a dixitalización, no que atinxe á xestión de datos, engadiu Ríos Pena, antes de precisar que a execución de determinados procesos ou proxectos require do desenvolvemento previo das ferramentas necesarias para acadar os obxectivos previstos. Neste contexto, presentou ante o numeroso público presente tres exemplos de proxectos que está a desenvolver en ámbitos laborais diferentes como o son os recursos humanos, sustentabilidade ou a loxística e que, en todos os casos, reportan importantes vantaxes operativas e un sensible aforro de custes para a empresa.

The contents of this page were updated on 03.22.2022.