Skip to main content

Alumnado do grao en Robótica coñece os procesos de automatización na industria na queixería Entrepinares

Alumnado e docentes do grao en Robótica, nas instalacións vilalbesas da queixería Entrepinares
Alumnado e docentes do grao en Robótica, nas instalacións vilalbesas da queixería Entrepinares
Profesorado da materia de Automatización acompañou á comitiva estudantil nunha viaxe de prácticas promovida para observar in situ os elementos e procesos de automatización que se están a empregar no tecido empresarial
Lugo

Un grupo de alumnado do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, acompañado dos profesores Fernando Pardo e Efrén Arias, completou unha visita ás instalacións da planta de que dispón en Vilalba a queixería Entrepinares.

A visita ás instalación de que dispón este empresa familiar que, na actualidade é a maior fabricante de queixos en España, responde a unha práctica de campo no marco da materia de Automatización do grao de Robótica. O obxectivo desta actividade, segundo explica o profesor Fernando Pardo, é o de ofrecer ao alumnado a posibilidade de ver e coñecer de primeira man algún dos elementos que se empregan na industria na automatización de procesos: autómatas programables, elementos neumáticos e hidráulicos, brazos robóticos e sistemas de visión artificial. Esta visita, engade Pardo, tamén permitiu identificar as distintas partes coas que conta unha industria: zona recepción, zona procesado, zona empaquetado, tratamento de refugallos...

Antes de desprezarse ata as instalación da queixería localizada en Vilalba, o alumnado do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría achegouse nos últimos meses de curso aos conceptos e ás tecnoloxías de automatización grazas aos novos equipamentos cos que dotou a USC o Laboratorio de Automatización da EPS de Enxeñaría.

Alén de dispor deste tipo de tecnoloxías en laboratorio, o profesorado da materia de Automatización coida que é importante que a mocidade universitaria vexa in situ este tipos de dispositivos nun ambiente real. Os docentes defenden asemade o achegamento dos futuros titulados ao tecido empresarial e ás industrias da contorna, na que a progresiva implementación de automatismos pode representar unha oportunidade laboral para os titulados en Robótica.

Equipamento do Laboratorio de Automatización da EPS de Enxeñaría
Equipamento do Laboratorio de Automatización da EPS de Enxeñaría
The contents of this page were updated on 03.30.2022.