O Premio Pedra Alta de 2018 recoñece a traxectoria intelectual, investigadora e divulgativa de Antonio Rodríguez Colmenero

O profesor ad honorem da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo Antonio Rodríguez Colmenero vén de ser distinguido polo consello asesor do Museo da Limia co Pedra Alta de 2018, un galardón que recoñece a longa traxectoria intelectual, investigadora e divulgativa de Rodríguez Colmenero.
O xurado encargado de fallar a segunda edición do Premio Pedra Alta salientou, segundo recolle o xornal La Región, que nos traballos de investigación desenvolvidos por Rodríguez Colmenero teñen “ papel protagonista as terras que rega o río Limia, integrando un amplo territorio que vai desde a patria pequena do autor nas abas do monte Larouco até as irmás portuguesas, con parada moi especial no lugar de Porto Quintela”.
O consello asesor do Museo de Limia destaca asemade os preto de 40 anos que Rodríguez Colmenero leva sacando á luz as ruínas do campamento romano Aquis Querquennis, ademais de loitar por dotar de infraestruturas e dun corpus bibliográfico que divulgue este excepcional xacemento”, así como a calzada romana da Vía Nova, considerada como prolongación e complemento.
Antonio Rodríguez Colmenero, que se mostrou moi agradecido por este galardón, recollerá o premio o vindeiro 24 de novembro no marco dunha cerimonia que se celebrará na sede do Museo da Limia, en Vilar de Santos.