Skip to main content

O IX Premio Valentín Paz Andrade distingue investigacións sobre a fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia

O IX Premio Valentín Paz Andrade distingue investigacións sobre a fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia. FOTO: Santi Alvite
O IX Premio Valentín Paz Andrade distingue investigacións sobre a fiscalidade da enerxía eólica e a análise socieoeconómica da vulnerabilidade de Galicia. FOTO: Santi Alvite
As profesoras da USC Rosa Mª Regueiro e María Cadaval fanse co galardón na modalidade de traballos publicados en revistas científicas e a categoría de teses de doutoramento premia a investigación do doutor Bruno Blanco Varela

O xurado do IX Premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, que convocan o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia),  deu a coñecer o seu ditame para distinguir aqueles traballos de investigación que contribúen ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar da cidadanía. 

O artigo ‘Renewable energy taxes and environmental impacts: A critical reflection from the wind tax in Spain’, do que son autoras as profesoras da USC Rosa Mª Regueiro Ferreira e María Cadaval Sampedro, fíxose co galardón na modalidade correspondente aos ‘Traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas’, dotado con 2.000 euros. Publicado na revista Energy and environment, o texto aborda a fiscalidade da actividade eólica establecendo unha análise comparada da situación en Galicia coa doutras comunidades autónomas. Ademais, caracteriza socioeconomicamente este tipo de tributación e avalía a idoneidade desta fiscalidade para gravar os impactos ambientais asociados a esta xeración de enerxía. A dicir das autoras, “a tributación ‘verde’ é  unha ferramenta chave para o deseño das políticas  enerxéticas sostibles do futuro, desde a perspectiva de penalizar as actuacións lesivas co entorno, mellorar a  eficiencia produtiva de ditos parques, aumentar a aceptación social por parte da cidadanía e implementar programas para o avance socioeconómico e demográfico no rural de Galicia”.

Na presente edición, da que o xurado salienta a concorrencia dun gran número de traballos de gran calidade científica, outorgouse tamén un accésit a unha investigación sobre o aproveitamento dos recursos micolóxicos nos montes en man común en Galicia e sobre a súa potencial contribución ao desenvolvemento sostible do rural galego. O artigo, titulado ‘Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia’, e asinado por Damián Copena, David Pérez Neira, Alfredo Macías Vazquez e Xavier Simón, está publicado na revista Forest Policy and Economics.

Na categoría correspondente ás teses de doutoramento, dotada con 1.000 euros de premio, o certame distinguiu o traballo de Bruno Blanco Varela, titulado ‘Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia: o camiño dende a escola até a inserción laboral’. Esta tese, defendida na USC e dirixida polos profesores María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão,  permite un maior coñecemento da vulnerabilidade socioeconómica en Galicia e das súas implicacións para os ámbitos educativo e laboral, alén de incidir nas políticas aplicadas neste eido e os seus efectos.  

Presido polo reitor da USC, o tribunal motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. A relación completa de investigacións premiadas en anteriores edicións está dispoñible na web do IDEGA

The contents of this page were updated on 12.28.2022.