Corresponsables USC supera a cifra de 3.600 participantes con actividades en 27 localidades galegas

O programa Corresponsables USC continúa a ofrecer á rapazada galega novas actividades físico-deportivas coas que asimilar pautas de vida activa e hábitos saudables a través de propostas que combinan formación e entretemento. Coa incorporación de prácticas como a iniciación á escalada, os raids de orientación, as xincanas deportivas, as probas de forza e de equilibrio, os circuítos de parkour ou as sesións de breaking, xa son 25 as actividades ofertadas dende o mes de novembro e máis de 150 os grupos que participaron nelas. Na actualidade, o número de estudantes asistentes ás actividades supera xa as 3.100 persoas e, como algunhas delas estiveron implicadas en máis dunha actividade, o volume actual de participacións reborda a cifra de 3.600.
O reitor Antonio López e o Delegado da USC para o Deporte Javier Rico visitaron este martes as xornadas de tecnificación desenvolvidas no Campo de Fútbol da USC en colaboración coa SD Compostela. Como acontece con esta entidade, son moitas as escolas, clubs e sociedades deportivas de disciplinas ben diversas que participan no programa Corresponsables. É o caso das escolas de danza Star Dance e Gravitty, do Club Quicela, do Club Judo Lugo, do Club Piragüismo Cidade de Lugo, o Club de Triatlón Inforhouse, o Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, a Fundación Breogán ou o Burela Fútbol Sala, entre outras. A través destas colaboracións, a USC procura estreitar as súas relacións co tecido do deporte galego nunha liña de traballo que estende ao ensino medio a vontade e os esforzos de cooperación que tamén se dan cara ao deporte universitario.
Ás actividades con prazo de inscrición agora aberto, que poden ser consultadas na páxina web do programa, aínda se sumarán ata fins de marzo outras propostas que seguirán a espallar por toda Galicia este programa aberto á rapazas e rapaces de ata 16 anos. Ames, A Baña, A Pastoriza, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Brión, Chantada, Dumbría, Foz, Friol, Lugo, Mazaricos, Meira, Monterroso, Muros, Negreira, Noia, Outes, Padrón, Porto do Son, Rois, Quiroga, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sarria, Vedra e Viveiro son as 27 localidades ás que chegou Corresponsables USC ata o momento, con propostas emprazadas en instalacións municipais, privadas e tamén en espazos da USC como o Pavillón Deportivo do campus de Santiago ou o Pazo de Montenegro en Lugo.
Programa Corresponsables
O programa Corresponsables naceu ao abeiro dun convenio asinado polas tres universidades públicas galegas coa Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte a través da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, co apoio da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Igualdade. O seu fin é deseñar sistemas integrais de coidado dende unha perspectiva de xénero, interseccional e de dereitos humanos que promovan a corresponsabilidade entre mulleres e homes.


