Skip to main content

Xoán Ramón Doldán seguirá traballando na “calidade e proxección” de Ciencias Económicas e Empresariais

Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. FOTO: Santi Alvite
Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. FOTO: Santi Alvite
O profesor tomou posesión como decano por outros catro anos máis nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López
Santiago de Compostela

O profesor Xoán Ramón Doldán tomou posesión este mércores 22 como decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais “emocionado e ilusionado”. Nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López, Doldán salientou o seu respecto pola lealdade institucional ao tempo que reiterou o seu “compromiso inquebrantable” co centro que xa dirixiu nos últimos catro anos e no que agora inicia unha nova andaina. O acto tamén contou coa participación da secretaria xeral, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento.

O reitor Antonio López identificou como puntos fortes de Ciencias Económicas e Empresariais  o feito de que sexa un centro perfectamente “asentado na docencia e na investigación”, así como na transferencia de coñecemento, eido no que a Facultade fai un claro esforzo, dixo. Neste senso, o reitor tamén gabou a capacidade do centro pola contribución que realiza no eido das microcredenciais, accións de formación complementaria para profesionais ou titulados. Nesta liña, Antonio López destacou a oferta formativa atractiva da Facultade, da que dixo debe ser coidada con esmero.

No capítulo de investigación, o centro fai unha aposta sólida e constatada que se asenta nos seus 15 grupos de investigación e no cento de persoas que se dedican á actividade investigadora, así como no volume de teses defendidas, tal e como salientou o reitor. Estes datos levaron a Antonio López a falar da necesidade de apostar pola canteira de persoas decididas a iniciar a carreira universitaria con especial atención ao proceso de relevo xeracional do cadro docente. O reitor lembrou que se está apostando decididamente pola creación de prazas de iniciación da carreira universitaria a través da figura de profesorado axudante doutor, perfil no que “hai que incrementar a intensidade desta medida”.

Igual que a crise fomentou o avellentamento da idade media do profesorado, tamén o seu impacto se deixou ver nas infraestruturas. Neste senso, o reitor lembrou que se está a traballar nun documento que recolla as necesidades máis inmediatas que os centros teñan en materia de infraestruturas para afrontar dunha forma coordinada as solucións máis apropiadas en cada caso, ben sexa a través dos propios centros, ou do goberno central da Universidade.

Pola súa parte, o profesor Doldán abriu o seu discurso salientando o “traballo colaborativo permanente, a confianza e entendemento mutuos a prol dun fin común, e o respecto á pluralidade”. “Creo modestamente que somos unha facultade hoxe máis unida internamente, o que nos permite avanzar e traballar por unha maior calidade e proxección”, afirmou.

Innovación docente e investigación viva

O decano quixo centrar boa parte do seu discurso na importancia da docencia. “Cremos na dedicación e na innovación docente, por iso queremos fomentala entre o noso profesorado”, dixo. Neste eido, o profesor Doldán avanzou algunhas das accións que ten previsto abordar neste novo mandato e, entre as que se atopan, a posta en marcha dun premio ou a creación dun repositorio de boas prácticas.

Que se perciba a dedicación e o traballo docente e que este redunde nunha mellora da formación do estudantado será un dos obxectivos deste novo mandato a través da culminación, xa neste curso, do proceso de reforma do plan de estudos do grao en Economía. De igual modo, outro dos retos será a reforma do plan de estudos do grao en ADE, conxuntamente coa Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, para que sexa presentado no próximo curso, aproveitando as sinerxías do traballado no plan de Economía. Ademais, acometerase adaptación á lexislación vixente de cinco mestrados oficiais.

Nesta mesma liña, o decano defendeu a “relevancia da investigación nun campo como o das ciencias sociais no que nos movemos, que ten un obxecto de estudo vivo, en continua mudanza e transformación, que obriga a unha actualización constante da información”. Neste senso, o decano lembrou que dende esta facultade se dirixe a Revista Galega de Economía, con máis de tres décadas de historia.

Participación activa do alumnado

“Tender pontes” para facilitar a comunicación co estudantado foi outra das cuestións tratadas polo profesor Doldán. “Queremos impulsar a participación activa do alumnado na vida da facultade principalmente nas aulas pero tamén en actividades complementarias á docencia, así como facilitar que sexa o propio estudantando quen organice algunhas desas actividades do seu interese” dixo Doldán en referencia a seminarios, xornadas, congresos, cursos ou conferencias, entre outros. O decano afirmou que traballará en “procurar que o estudantado coñeza mellor os órganos de decisión da Universidade e da Facultade para aumentar a participación nos mesmos, e continuar traballando na apertura de vías de diálogo permanente con todos os representantes do estudantado para deseñar propostas que permitan resultados efectivos”.

O decano aproveitou o discurso para poñer en valor a aula profesional ECOADE “como unha desas pontes necesarias entre estudantdo-profesorado-sociedade-mundo laboral, utilizándoa como ferramenta para a formación complementaria, a transferencia de coñecemento, para favorecer a inserción no mercado laboral, por ser un espazo para a realización de actividades tendentes a difundir o coñecemento dos ámbitos empresarial e institucional que contribúan a unha maior conexión coa contorna socioeconómica”. Desenvolver plans de apoio e titorización entre o estudantado de mobilidade ou lograr que unha maior porcentaxe de alumnado de grao participe nos programas de prácticas da Facultade serán outros dos obxectivos do novo mandato.

Xestión

Doldán lembrou que Ciencias Económicas e Empresariais foi un centro pioneiro na reorganización das Unidades de Xestión do Centro e Departamentos, unha nova forma de organizar o traballo administrativo que o decano valorou como “moi positivo”. “Hoxe somos unha facultade mellor dotada en equipamento que hai catro anos e con melloras infraestruturais diversas”, afirmou. O equipo de goberno complétano os vicedecanos Adrián Dios Vicente, María Del Rosario Vidal Lopo, Romina García Chas e Óscar Rodil Marzabal, xunto con María José Barcia Domínguez como secretaria da Facultade.

Currículo

Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. Ten sido director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) entre 2005 e 2008; presidente do Comité Executivo da Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía (ENERXE) entre 2007 e 2008, así como presidente do padroado da Fundación Sotavento Galicia entre 2005 e 2008 e do consello de administración de Sotavento Galicia SA no mesmo período. Ademais foi membro do consello de administración da Sociedade Enerxía de Galicia (ENGASA) de 2006 a 2008. Actualmente é vicepresidente da Asociación de Economía Crítica. Foi co director do grupo de Economía pesqueira e recursos naturais da USC e actualmente é membro do de Economía ecolóxica e dos recursos naturais, tamén da USC.

Ademais de ex presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España é o coordinador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, un Regional Centre of Expertise (RCE) en educación para o desenvolvemento sustentable do RCE Network da United Nations University. As súas liñas de investigación son a economía ecolóxica, a dos recursos naturais e a da enerxía; o metabolismo socioeconómico, as contas do patrimonio natural ou o transporte sustentable.

 

The contents of this page were updated on 02.22.2023.