Skip to main content

A Semana Universitaria da Economía Social tece vínculos entre alumnado e profesionais do sector

A Economía Social ascende, no período 2018-2021, a máis de 670 novas empresas
A Economía Social ascende, no período 2018-2021, a máis de 670 novas empresas
Uns 600 estudantes e unha ducia de docentes participan dende a USC nesta iniciativa que aglutina 38 universidades iberoamericanas
Santiago de Compostela

A USC a través do seu Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) súmase ás 38 universidades iberoamericanas na conmemoración da cuarta Semana Universitaria da Economía Social. Só na institución compostelá agárdase que uns  600 estudantes e unha ducia de docentes participen nesta iniciativa coa que se pretende dar visibilidade ás entidades da economía social galega e aos resultados da investigación neste ámbito entre o estudantado de distintos graos.  

O acto central desenvólvese este mércores 22, a partir das 12.00 horas, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, preside a sesión na que tamén interveñen a directora do CECOOP, Maite Cancelo; o decano do centro, Xoán Doldán; e Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; xunto a representantes de diferentes entidades da Economía Social.

Ademais do acto institucional, entre o 21 e o 30 de marzo, profesorado de varias materias dos graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas e dobre grao de Dereito e Relacións Laborais abordarán o concepto e cuantificación da Economía Social galega dende o punto de vista da política económica, o dereito do traballo, o desenvolvemento económico e a sustentabilidade ou a econometría, incorporando de forma transversal estes conceptos nas clases interactivas das respectivas materias.

Xunto ás actividades programadas nas sesións interactivas, este martes 21, a partir das 17.00 horas, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría acolle unha xornada con tres casos de persoas emprendedoras cuxas empresas adoptaron formas xurídicas propias da Economía Social. O programa contempla unha primeira intervención na que se achega o alumnado á Economía Social para logo presentar as experiencias particulares de quen adoptou este modelo de negocio.

O 7% do PIB

As entidades de mercado da Economía Social en Galicia aglutinan a empresas como as cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego (CEE), empresas de inserción laboral (EIL), mutuas e mutualidades, confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común. A súa achega económica, con relación ao PIB galego, está estimado nun 7%. A cuantificación, por familias, realízase, anualmente, a través dos informes que publica o CECOOP e onde se pode apreciar a positiva evolución en termos de creación de cooperativas, sociedades laborais, CEE e EIL que no período 2018-2021 ascende a máis de 670 novas empresas.

“A súa vinculación co territorio galego, sobre todo en zonas menos poboadas, como son as do interior e algunhas costeiras fan que sexan entidades especialmente comprometidas coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU”, explica a profesora Maite Cancelo. Motivo polo cal o seu estudo resulta de especial interese entre o estudantado universitario.

O acto central estivo presidido pola vicerreitora Pilar Murias. FOTO: Santi Alvite
O acto central estivo presidido pola vicerreitora Pilar Murias. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.22.2023.