A USC logra dous ouros en Taekwondo nos Campionatos de España Universitarios

O estudante da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Tomás Fernández, e a alumna de Psicoloxía, Irene Montemuíño, acaban de proclamarse vencedores nos Campionatos de España Universitarios de Taekwondo celebrados en Burgos os días 25 e 26 de marzo. Fernández logrou o ouro na modalidade de poomsaes, mentres que Montemuíño acadouno na categoría feminina -62 kg.
O equipo da USC completárono Alba Muñiz, María Ferreiro, Yadira Reimúndez e Brais Martínez. “O conxunto do equipo fixo un gran papel”, salientou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen tamén quixo poñer en valor o acordo coa Federación Galega de Taekwondo, o que permitiu realizar un grupo de adestramento nas instalacións da USC. “Queremos apostar por acordos coas diferentes federacións para crear grupos de adestramento nos que participe alumnado da USC implicado en deportes de alto nivel”. Para Javier Rico, a Universidade de Santiago de Compostela aposta “por unha cultura do deporte ampla para toda a comunidade universitaria e prestando especial atención ao deporte de alta competición”.
"Malia que pensaba que podía gañar, tan só unha semana antes sufrín unha escordadura nun nocello, así que as circunstancias non eran moi favorables", subliña Irene Montemuíño cando lembra os días anteriores á proba. A alumna da Facultade de Psicoloxía pon o foco no importante que é o deporte como complemento á vida académica. "Quen di que non ten tempo para o deporte bota man dunha escusa. A min o deporte axúdame a desconectar e fai que o tempo de estudo sexa dunha maior calidade".
Na mesma liña pronúnciase Tomás Fernández, quen salienta que "o deporte ocupa tempo pero tamén axúdache a organizarte mellor". O estudante de Medicina destaca como a victoria obtida outorga puntuación de cara aos Xogos Universitarios que se desenvolverán na China no mes de agosto. Os dous teñen palabras de agradecemento polo bo trato recibido polo delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, e polo adestrador Raúl Bouzas que "está connosco a tope", afirmou Irene Montemuíño.
O resto do equipo pertence ás titulacións de Traballo Social (Alba Muñiz), Matemáticas (María Ferreiro), Enxeñaría Informática (Yadira Reimúndez), e Nutrición humana e Dietética (Brais Martínez). O adestrador Raúl Bouzas, xunto con Juan Carlos Eiriz, presidente da Federación Galega de Taekwondo, completaron a comitiva xunto ao delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico.
