Skip to main content

Ciencias Económicas e Empresariais celebrou a súa festividade cun acto de entrega de galardóns

De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán, Pilar Murias e María José Barcia. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Xoán Ramón Doldán, Pilar Murias e María José Barcia. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, presidiu a sesión na que se fixo entrega, entre outros, dos premios extraordinarios de grao e mestrado
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias celebrou este mércores 12 a súa festividade cun acto institucional presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias. No acto tamén interviñeron o decano do centro, Xoán Ramón Doldán García, e a secretaria, María José Barcia Domínguez. A sesión serviu de marco para a concesión de diferentes recoñecementos.

No transcurso do acto procedeuse á entrega do premio correspondente á duodécima edición do Concurso de Pintura CreArte na Universidade. O galardón recaeu en Susana Gómez García pola súa obra ‘I’m overthinking again’. Pola súa parte o Premio Fulget 2022 serviu para distinguir a Tecnoloxías Plexus S.L. Recolleron o galardón Silvia Fraga Patricio, directora xeral de Estratexia e Marca, e Maribel Pérez Vaz, directora de Cultura e Talento. O premio outórgase en recoñecemento ao seu traballo para favorecer as mellores relacións entre a actividade económica e a súa contorna profesional.

O premio de Innovación Docente 2023 foi para María del Carmen Sánchez Carreira, pola súa proposta ‘Universidade, sociedade e desenvolvemento. A aprendizaxe-servizo no eido do desenvolvemento local’, iniciativa realizada na materia ‘Desenvolvemento Rexional e Desenvolvemento Local’, do 3º curso do grao en Economía.

Os alumnos de Economía, Andrés Felipe Soto Jaramillo e Elia Dopeso Salgado, recolleron os seus respectivos Premios Extraordinarios de Grao, tal e como fixo Alejandro García Gendra, estudante de Administración e Dirección de Empresas. No relativo aos premios extraordinarios de mestrado, recolleron galardón os estudantes de Desenvolvemento Económico e Innovación, Stella González Fuentes; de Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas, Olga Mallou Couto; de Dirección e Xestión Contable e Financeira, Alicia do Carme Pastoriza Castro; e de Dirección de Empresas, Gabricely Mavelyger Casal Infante.

O Premio María del Carmen Lorenzo Díaz aos TFG e TFM sobre Economía dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente foron a parar a Andrés García Otero, polo TFG titulado ‘Análise do mercado de compensación forestal en España e Galicia’, titorizado pola profesora María Loureiro García; e a Óscar Páramo Telle, polo TFM titulado ‘Os residuos eléctricos e electrónicos dende a perspectiva da economía circular’, titorizado por Xavier Vence Deza. Ademais, o acto serviu tamén para distinguir a  acción solidaria da Facultade coa Cociña Económica, galardón que recolleu Manuel Botana.

Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 04.12.2023.