Skip to main content

A creación de grupos de adestramento específicos promove o deporte de alto nivel na USC

Adestramento do equipo de taekwondo. FOTO: Santi Alvite
Adestramento do equipo de taekwondo. FOTO: Santi Alvite
Unha boa proba do éxito desta fórmula é o caso do grupo de taekwondo da institución compostelá que obtivo dúas medallas de ouro nos Campionatos de España Universitarios, o que permite a participación nos Xogos Mundiais Universitarios que se celebrarán na China no mes de agosto
Lugo, Santiago de Compostela

A USC avanza na súa aposta por promover grupos de adestramento nos que alumnado que practica deportes de alto nivel poida desenvolver todo o seu potencial e compatibilizalo coa súa vida académica. “Queremos apostar por acordos coas federacións, coas que estamos a manter diversas xuntanzas, para crear núcleos de adestramento e que a USC sexa punto de referencia para este tipo de deportistas”, explica Javier Rico, delegado do reitor para o Deporte.

Unha boa proba do éxito desta fórmula é o caso do grupo, froito do acordo entre a Federación Galega de Taekwondo e a USC, que obtivo dúas medallas de ouro nos Campionatos de España Universitarios, celebrados en Burgos no mes de marzo, e nos que se contou co apoio do adestrador Raúl Bouzas Somoza. "Está connosco a tope", afirmou a alumna de Psicoloxía, Irene Montemuíño, logo da consecución do ouro na categoría feminina -62 kg. Na mesma liña, expresábase o estudante do grao en Medicina, Tomás Fernández, ouro na modalidade de poomsaes. "O deporte ocupa tempo pero tamén axúdache a organizarte mellor", engadía en referencia a como é posible compaxinar a faceta deportiva coa académica.

A conformación deste grupo que adestrou de luns a xoves foi capital á hora de lograr que estes dous deportistas estean no equipo da Federación Española de Taekwondo que participará nos Xogos Mundiais Universitarios que se celebrarán na China no mes de agosto. Tal e como subliña Javier Rico, a existencia destes núcleos de adestramentos son un “punto que impulsa a cursar estudos na USC” e que actúa como complemento ao atractivo da oferta académica. O que en moitas ocasións sucede, prosigue Javier Rico, é que este tipo de alumnado acaba deixando de lado a actividade deportiva. O que se pretende a través da creación destes grupos é lograr que isto non suceda e que os e as deportistas de alto nivel poidan traballar en equipo e seguir a desenvolver a súa vocación deportiva, sen abandonar a traxectoria académica.  

"Quen di que non ten tempo para o deporte bota man dunha escusa. A min o deporte axúdame a desconectar e fai que o tempo de estudo sexa dunha maior calidade", explica Irene Montemuíño. Para dar pulo á convivencia entre deporte e estudo, a USC conta con mecanismos de conciliación. A normativa para deportistas de alto nivel da institución compostelá establece as medidas de orde académica para facilitar a plena integración dos e das deportistas no mundo universitario, ao mesmo tempo que permite garantir unha adecuada compatibilidade nos seus estudos coa súa actividade deportiva. Para Javier Rico, a Universidade de Santiago de Compostela aposta “por unha cultura do deporte ampla para toda a comunidade universitaria e prestando especial atención ao deporte de alta competición”.

O reitor Antonio López asistiu esta semana a un dos adestramentos do grupo de taekwondo e puido coñecer de primeira man como os e as integrantes se están a beneficiar do traballo en equipo. María Ferreiro, do grao en Matemáticas; Yadira Reimúndez, de Enxeñaría Informática; Ainhoa García, de Criminoloxía; Julio Iglesias Doval, estudante de Xeografía e Historia; Miguel Martínez, de Enxeñaría Informática; Alba Muñiz, alumna de Traballo Social; Brais Martínez, estudante de Nutrición humana e Dietética; e Yerai Sabugueiro Mora, FP de Telecomunicacións e Sistemas Informáticos, completan o núcleo de adestramento que traballa en taekwondo na USC. Na visita tamén participou, alén de Javier Rico, Juan Carlos Eiriz, presidente da federación galega deste deporte.   

Antonio López, Javier Rico e Juan Carlos Eiriz posan co equipo de taekwondo e co seu adestrador Raúl Bouzas Somoza. FOTO: Santi Alvite
Antonio López, Javier Rico e Juan Carlos Eiriz posan co equipo de taekwondo e co seu adestrador Raúl Bouzas Somoza. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 07.05.2023.