A USC conclúe a súa participación nos Campionatos de España Universitarios con oito medallas

A USC pechou esta fin de semana a súa participación nos Campionatos de España Universitarios coa competición de judo. Martín Salvado Carrillo, estudante do grao de Economía, fíxose co bronce na categoría de judokas de máis de 100 kg, nun torneo desenvolvido en Salamanca que tamén contou coa participación de José Iglesias Rodríguez, estudante do grao de Mestre de Educación Infantil, na categoría de - 90 kg.
Con esta son oito as medallas obtidas por deportistas da USC nestes campionatos promovidos polo Consello Superior de Deportes en diversos lugares da contorna estatal. Ao bronce en judo, súmanse os dous ouros en taekwondo (en poomsae e na categoría feminina de -62 kg), as tres medallas de ouro en xadrez (clasificación xeral, rápidas e blitz), unha prata en loita (na categoría de ata 55 kg) e outro bronce en hípica (na modalidade de salto).
Estes resultados dan conta dunha notoria mellora da USC nos Campionatos de 2023 en comparación coa edición anterior, na que se conseguiron catro medallas: unha de ouro en xadrez, unha de prata en atletismo, unha de bronce en judo, e outra de bronce en taekwondo (na categoría feminina de -49 kg). Alén da entrega persoal e colectiva das e dos deportistas participantes, a causa desta progresión nos resultados débese, a dicir do delegado do reitor paro o Deporte Javier Rico, “á intensa colaboración coas federacións e os clubs deportivos galegos, fondamente implicados nesta competición”. “Hai que poñer en valor a implicación nestes campionatos de España das Federacións Deportivas Galegas de balonmán, karate, loita e taekwondo e de clubs como o Club Voleibol Emevé, Ensino Lugo club de baloncesto, Noia Fútbol Sala, Obradoiro Club Amigos del Baloncesto SAD e o Santiago Rugby Club. Os seus técnicos e técnicas conformaron o equipo de traballo das seleccións da USC das modalidades deportivas correspondentes. Esta colaboración foi determinante e márcanos o camiño para seguir traballando da man do tecido deportivo galego”, engadiu Javier Rico.
Taekwondo
A USC conseguiu dous ouros en taekwondo en marzo, cando o estudante de Medicina, Tomás Fernández Herrerín Rodríguez, e a alumna de Psicoloxía, Irene Montemuíño Martínez, se proclamaron vencedores nos campionatos celebrados en Burgos. Fernández logrou o ouro na modalidade de poomsae, mentres que Montemuíño o acadou na categoría feminina -62 kg, o que facilitou que ambos os dous fosen seleccionados para representar a España nos XXXI Xogos Mundiais Universitarios (Universiada). Ademais, Yadira Reiumúndez Queimaderos, estudante de Enxeñaría Informática, ficou no oitavo posto da categoría de -57 kg e Brais Martínez Sobrido, estudante de Nutrición Humana e Dietética, fíxose co oitavo posto na categoría de -63 kg.
Xadrez
Julio Suárez Gómez, estudante do mestrado en Matemática Industrial, foi o vencedor no torneo de rápidas do Campionato de España Universitario de xadrez celebrado en Salamanca no mes de abril. Esta mesma posición foi a obtida por Artai Bringas Gómez, estudante do dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, na clasificación do torneo blitz. Ademais, o equipo da USC, integrado tamén por Alberto Portela Peleteiro do mestrado en Técnicas Estatísticas e Luis Guerrero Méndez do dobre grao en Física e Química, acadou o ouro na clasificación xeral.
Loita e hípica
Dúas alumnas do grao en Veterinaria gañaron outros dous novos metais para a USC tamén no mes de abril. Así, Ana López Álvarez fíxose coa prata en loita na categoría de ata 55 kg en Os Alcázares (Murcia), mentres que Verónica Villamor Oltra obtivo o bronce en hípica na modalidade de salto de obstáculos no torneo disputado en Segovia.
Outras modalidades deportivas
A estes resultados cómpre sumar os doutras e doutros finalistas como o equipo de fútbol sala, que obtivo o cuarto posto en Valladolid; ou os das e dos integrantes do equipo de atletismo en León, con Lucía Varela Molejón, estudante de Educación Primaria, 6ª en 3.000m obstáculos; Hugo García Souto, estudante de Matemáticas, 6º en 10.000m; Santiago Rozas Trastoy, estudante do mestrado de Matemática Industrial, 6º en 110mv; e Alba Pérez Nieto, estudante de dereito, 7ª en 5.000m marcha.
As competicións de bádminton (con Bruno Fernández Díaz, Gabriel Fernández Ferreiro, Carlos S. Fernández Lagares e Uxía Fernández Lago), baloncesto, balonmán, esgrima, karate, rugby 7, tenis e voleibol completan o cadro de participacións da USC nesta edición dos Campionatos de España Universitarios.
Galería de imaxes














