A sección de Xadrez da USC, viveiro de campións

Deporte, ferramenta educativa e tamén actividade enfocada á diversión. Todo iso é o xadrez, tal e como lembrou o reitor Antonio López na xuntanza que mantivo este xoves 20 coa sección de Xadrez da USC, no Colexio San Xerome, e que serviu para poñer en valor non só esta modalidade deportiva no seo da Universidade, senón tamén os logros obtidos nos Campionatos de España Universitarios, competición na que a institución compostelá quedou como primeira clasificada, alén de acadar dous ouros individuais. “Queremos poñer en valor o enorme potencial dos deportistas que conforman o club, tanto no presente como no futuro”, subliñou Antonio López no transcurso da reunión que coincidiu co Día Mundial do Xadrez.
No encontro tamén participou Diego Cacheiro, quen con tan só 15 anos xa é Mestre FIDE logo de entrar na escola de xadrez da USC no ano 2015 e converterse en xogador do club, tan só un ano despois. Cacheiro acadou o ascenso á división de honra vencendo en todas as partidas disputadas e en 2023 acadou o título de campión galego sub 16. O título de Mestre FIDE obtense ao chegar a un ELO de 2.300, logro “pouco habitual para un neno de 15 anos”, tal e como destacou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, quen tamén interveu na xuntanza. Xunto a Cacheiro, tamén asistiu Diego Suárez Pousa, o mellor xogador da historia do club e que é Mestre Internacional, chanzo seguinte ao de Mestre FIDE e previo ao de Gran Mestre.
Ademais participaron na reunión o director da Área Deportiva da USC, Miguel Magán; o técnico deste servizo, Xosé Luis Veiga; e os deportistas Martín Cacheiro, Antón Quintás Otero, Lois Quintás Otero, José Luis Quintás, Jesús González, Martín Cacheiro Martínez, Remigio Paradelo Núñez, David Mosquera Lois, Eduardo Cabanas López, Manuel Anxo Cabanas López, Francisco Eduardo Cabanas e Luis Guerrero.
Xosé Luis Veiga
Neste encontro tivo un particular protagonismo o técnico da Área Deportiva, Xosé Luis Veiga Goy. A sección de xadrez da USC, creada no ano 1974, deu un salto cualitativo coa creación da Escola en 1988, grazas ao “esforzo crucial” deste técnico que exerce como adestrador e seleccionador, competindo en diversos campionatos. “Ensinou a moitos dos mellores xogadores galegos”, destacou Javier Rico. Para Veiga Goy, o xadrez ten diversos enfoques: dende un punto de vista deportivo, dedicado á competición; como ferramenta educativa, para aprender a pensar; e como actividade enfocada á diversión. O xadrez estimula os procedementos mentais e, segundo Veiga, “é ideal para que os nenos/as aprendan a analizar e mellorar as súas destrezas cerebrais”, por iso cre que é bo que se dea a oportunidade de desenvolver un xogo do que poidan botar man todos os membros da familia.
