Arranca un novo curso deportivo na USC

A oferta de actividades físico-deportivas da USC para o curso 2023-2024 está xa á disposición da comunidade universitaria e da cidadanía na web da Área Deportiva. Este venres 1 de setembro ábrese a inscrición nun amplo catálogo de propostas, que inclúe tanto sesións dirixidas como modalidades de práctica libre e tamén competicións en ligas e en campionatos universitarios, alén das actividades deportivas federadas a través do Club USC.
No Campus de Santiago, as persoas usuarias poderán practicar ao longo do curso actividades acuáticas, aeróbicas e de acondicionamento físico, e disciplinas como o tenis, o atletismo, o karate, o pilates, o Tai Chi-Chi Kung ou o HIIT (unha das novidades deste ano), entre outras moitas. Co gallo de achegar as actividades físico-deportivas aos centros, durante o curso 2023-24 varias facultades do Campus de Santiago acollerán sesións dirixidas. Así, á Facultade de Filoloxía, que xa deu abeiro a sesións en anos anteriores, súmase este ano a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte.
As clases nas escolas e actividades dirixidas arrancan o luns 18 de setembro pero as persoas usuarias xa poden facer uso dende este venres das instalacións da USC para a práctica libre, con acceso a espazos como a piscina e o estadio de atletismo, o campo de fútbol, o pavillón polideportivo ou as pistas de tenis.
A oferta deportiva para o Campus de Lugo inclúe actividades aeróbicas e de acondicionamento físico, e outras prácticas como o balonmán (tamén de nova incorporación), pilates, ou voleibol. Tamén neste campus as clases en actividades dirixidas botan a andar o 18 de setembro. Ademais, tanto en Lugo como en Santiago, as persoas interesadas poderán enrolarse en actividades de sendeirismo coas que percorrer distintos lugares de Galicia.
Coa programación deportiva do curso 2023-24, a USC dá continuidade ás propostas de anos anteriores e ao compromiso de fornecer a comunidade universitaria de opcións de saúde, entretemento e competición accesibles para todo tipo de persoas usuarias.
A información detallada de cada actividade, os seus horarios e as tarifas aplicables, tanto para integrantes da USC como para persoas externas, están dispoñibles na web da Área Deportiva.
Proceso de inscrición
O primeiro paso para acceder á maior parte dos servizos é rexistrarse como persoa usuaria da Área Deportiva a través da páxina web. Este rexistro faise de maneira gratuíta e por unha soa vez, xa que ten carácter indefinido. Distingue dúas tipoloxías de acceso, para integrantes da comunidade universitaria, con preferencia en prazos de inscrición e tarifas reducidas, e persoas externas á USC. As persoas rexistradas poderán efectuar a inscrición en todas as actividades xa abertas así como solicitar o acceso (reservas e entradas) aos espazos do seu interese.