Skip to main content

Que é a mediación?

A mediación é un xeito de xestionar e solucionar os conflitos que se fundamenta na cooperación e non no enfrontamento. No mesmo as partes, coa axuda da persoa mediadora, teñen a oportunidade de dicir e escoitar o que pensan sobre os temas que lles interesan, isto coa finalidade de acadar unha solución satisfactoria para todos.

Características e principios 

  •  Voluntaria: as persoas acoden libremente a mediación e poden, en consecuencia, abandonar o proceso cando así o desexen, isto sen prexuízo de acudir á vía xudicial.
  •  Confidencial: a información obtida en mediación non pode ser empregada como medio de proba en xuízos posteriores, respectándose en todo momento o segredo profesional.
  • Imparcial e neutral: a persoa mediadora debe axudar e atender de maneira equilibrada ás necesidades de todas as partes implicadas na disputa, coidándose de introducir no procedemento as súas propias crenzas e valores.
  • Flexible: adáptase, en todo momento, ás características e necesidades das persoas implicadas no procedemento.

Vantaxes

  • É un procedemento áxil, flexíbel e eficaz.
  • Supón un menor custo económico e un aforro de tempo con respecto ao proceso xudicial.
  • Mantén a confidencialidade das manifestacións das partes e evita a publicidade do conflito.
  • Permite ás partes “deseñar” solucións ao seu conflito máis creativas que as axustadas a parámetros unicamente xurídicos.
  • Posibilita que as partes incrementen o seu poder de decisión con respecto aos acordos que deben ser alcanzados.
  • Mellora a garantía de cumprimento dos acordos, xa que foron alcanzados voluntariamente polas partes e satisfán, por isto, plenamente os seus intereses.
  • Procura preservar e mellorar as relacións futuras entre as partes.

Como actúa a persoa mediadora

A persoa mediadora é un ou unha profesional con formación específica en técnicas de comunicación e xestión de conflitos, que non xulga, non impón os seus propios valores ás partes, nin toma partido por ningunha delas, garantindo a igualdade, o equilibrio e o respecto entre as e os participantes na mediación.

The contents of this page were updated on 02.08.2024.