O Salón de Graos da Facultade de Filoloxía acollerá o venres 8 de novembro a III Xornada sobre Variación e Cambio Lingüístico, organizada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC e o Centro de Linguas, Literaturas e Culturas (CLLC) da Universidade de Aveiro. Esta terceira edición continúa a ter como principal obxectivo promover e difundir traballos que se enmarquen no campo da variación e o cambio lingüístico. Serán aceptados traballos que traten calquera aspecto relacionado con esta área de investigación, e especialmente benvidos traballos que aborden en particular algunha das seguintes liñas temáticas: actitudes e ideoloxías sobre a variación e o cambio lingüístico, variación lingüística no ensino de linguas, variación e cambio lingüístico en situacións de contacto e propagación de procesos de variación e cambio lingüístico.
O envío de resumos das propostas pode facerse ata o 30 de xuño e a comunicación de aceptación de resumos farase o 15 de xullo. A inscrición para asistir estará aberta do 1 ao 31 de outubro.