A USC estuda co laboratorio Labiana a optimización de doses en medicamentos contra as infeccións
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de iniciar unha colaboración con Labiana, o laboratorio farmacéutico especializado en saúde animal e humana cotizado no BME Growth, para estudar como mellorar a biodisponibilidade de medicamentos antiinfecciosos para optimizar o réxime de dosificación mantendo as súas propiedades e efectividade.
Os equipos de investigación de ambas entidades están centrados en optimizar a absorción de antifúnxicos orais, coa finalidade de poder reducir a dose administrada e así mellorar a posoloxía en patoloxías coma a candidiase ou otras infeccións fúnxicas en pel e mucosas. Calculan que en arredor de 7 ou 8 meses de traballo terán as primeiras conclusións sobre os resultados da investigación.
Dilatada experiencia do grupo Paraquasil da USC
O estudo desenvolverase na USC a través do grupo de investigación Paraquasil, un grupo multidisciplinar que traballa en distintos campos relacionados coa área da saúde. Entre eles están o desenvolvemento de novos sistemas de liberación e medicamentos adaptados ás problemáticas dalgúns fármacos, como é o caso da colaboración con Labiana.
O catedrático da Facultade de Farmacia Francisco Javier Otero Espinar explica que “temos moita experiencia en colaboración coa industria farmacéutica e varios produtos desenvolvidos polo grupo estanse a utilizar para o tratamento de patoloxías” e este novo proxecto “pretende mellorar a efectividade e a seguridade de tratamentos con antifúnxicos, fármacos que teñen asociados importantes efectos non desexados, mediante o desenvolvemento dun sistema de liberación avanzado”.
Así, Labiana únese á USC para estender ao campo da saúde humana unha liña de investigación e desenvolvemento na que o laboratorio xa traballou no ámbito da saúde animal, fomentando un uso prudente dos medicamentos a través de formulacións que conseguen unha acción prolongada e unha actividade antibacteriana sostida, cunha redución das doses de administración.
En liña co plan de negocio da compañía e o desenvolvemento de produtos
A posta en marcha deste proxecto pon de manifesto o esforzo que a compañía Labiana realiza en promover as sinerxías entre as áreas das divisións de saúde animal e humana, unha das liñas estratéxicas que se marcou para garantir o seu crecemento xunto co desenvolvemento de novos produtos propios de valor engadido e a ampliación do seu vademécum. Actualmente Labiana conta con rexistros de produtos propios en máis de 100 países e con presenza de produtos fabricados pola compañía en máis de 110 mercados.
Segundo Fran Fernández Campos, doutor en Farmacia e director de I+D en Labiana, “esta liña de traballo cunha entidade pioneira en investigación farmacéutica coma a Universidade de Santiago supón unha colaboración estratéxica en aras de engadir valor e achegarnos máis a ese uso prudente dos medicamentos. Así mesmo, enmárcase dentro do plan de negocio de Labiana e o seu obxectivo de garantir o crecemento sostido da compañía”.
Sobre Labiana
Labiana Health é un laboratorio internacional líder independente e integrado de saúde animal e saúde humana cun portfolio diversificado de produtos e negocios e unha ampla carteira de clientes de primeiro nivel aos que os une unha relación de confianza de longa duración. Conta con filiais en España, Serbia, Turquía e México e con centros de produción distribuídos entre España e Serbia. Os produtos fabricados por Labiana encóntranse en máis de 150 mercados, con rexistros de produtos propios en máis de 90 países. O grupo conta con dúas liñas de negocio diferenciadas e complementarias á súa vez: a de contract manufacturing tanto en veterinaria como en humana, coa que proporciona estabilidade e visibilidade de ingresos; e a de desenvolvemento, fabricación e comercialización de produtos propios tanto de saúde animal como de saúde humana, que fomentan o crecemento. A compañía estreouse no BME Growth en xuño de 2022, converténdose así na primeira empresa veterinaria en saír ao Mercado BME Growth en España.